RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
RCDEPORTIVO

Fíos de esperanza branquiazuis que unen León e A Coruña

Desde a localidade leonesa de Santa María del Páramo, con agulla, la e moito corazón, Manuela Trisac tece algo máis que patucos e gorritos. Tece esperanza. 

Manuela é a nai do Xefe de Neonatoloxía do Hospital Materno Infantil da Coruña, José Luis Fernández Trisac.

A case 300 quilómetros de distancia, cada vez que vén á cidade coruñesa ou o seu fillo a visita en Santa María del Páramo, ten preparados estes pequenos detalles branquiazuis para os nenos e nenas que están ingresados na UCI de neonatos do hospital coruñés.

Cada punto leva agarimo, cada gorrito leva ánimo, e cada patuco é un abrazo que cruza quilómetros para chegar ás incubadoras, onde os máis pequenos loitan as súas primeiras batallas. 

Coas cores do Dépor, eses bebés reciben non soa calor, senón tamén un símbolo de pertenza, de forza e de futuro.

"Ofrecémosllos a todos os nenos e nenas eh, mesmo aos que veñen de Vigo", chancea o doutor Trisac, quen asegura que as familias "llos levan de recordo moi agradecidos".

A pasada fin de semana no palco de ABANCA-RIAZOR, con motivo do partido entre o Dépor e o Real Racing Club, Manuela Trisac, acompañado polo seu fillo, entregou a Carlos García, responsable da RC Deportivo Fundación, unha mostra do seu esforzo para que o Club faga chegar tamén a diferentes hospitais.

Os xestos máis grandes caben nas mans de quen tece en silencio, pensando en quen aínda non poden dicir grazas. 

E en cada paquete que chega desde León, viaxa unha mensaxe clara: non estades sós, toda unha afección latexa convosco desde o primeiro día.