O RC Deportivo foi distinguido este martes por LALIGA co galardón 'Luis Gil' ao club máis colaborador, no marco dos Premios 'Oficina de Clubs', iniciativa impulsada a pasada temporada. Trátase da categoría máis especial destes recoñecementos, concibida como homenaxe a Luis Gil, quen fose director de Competicións e da Oficina do Xogador de LALIGA, falecido hai dous anos.
Este recoñecemento pon en valor o grao de implicación dos clubs na dinámica de traballo conxunto con LALIGA: asistencia a reunións, participación en consultorías e fluxo constante de intercambio de información orientado á mellora continua da competición. O RC Deportivo foi destacado polo seu desempeño neste ámbito durante as V Xornadas de Clubs, celebradas este martes e mércores nas instalacións de PortAventura World.
O RC Deportivo sucede neste galardón ao Sevilla FC, gañador na edición anterior.
Á cita desprazáronse a vicepresidenta Michelle Clemente e o conselleiro delegado Massimo Adalberto Benassi, xunto a responsables das distintas áreas do Club, así como representantes do resto de clubs de LALIGA EA Sports e LALIGA Hypermotion, no marco do seguimento da evolución dos obxectivos da Oficina de Clubs.
No programa das xornadas, 3 representantes do RC Deportivo participaron como relatores dentro da 'Oficina de Clubs': José Manuel García (Obxectivos con impacto en negocio: reforzo da estratexia a través de retribución variable), Alejandro Vidal (Escalando unha área internacional desde o inicio) e Manuel Hallet (Optimización do uso de estadios para hospitality).
