RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
RCDEPORTIVO

O RC Deportivo e a súa Fundación impulsan a formación dos seus xogadores da canteira a través de 'Money Sport', un programa de ABANCA e a súa obra social, Afundación

O RC Deportivo foi o primeiro Club en acoller na súa residencia a posta en marcha de Money Sport, un innovador programa de educación financeira promovido por ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, dirixido a mozos deportistas de base. 

Con esta iniciativa, o Club reforza o seu compromiso coa formación integral dos seus xogadores e xogadoras, converténdose no primeiro participante e parte activa na organización e desenvolvemento desta proposta educativa.

A primeira sesión formativa foi impartida por Gonzalo Mora, responsable de Educación Financeira de Afundación, e José Manuel Vilariño, coordinador institucional de ABANCA. 

A próxima xornada contará novamente cos mesmos relatores e participantes, dando continuidade ao itinerario formativo.

A actividade contou ademais coa presenza de profesionais da RC Deportivo Fundación, Lucía Otero e Carlos García, así como do Departamento Psicoeducativo do Club, representado por Elkin Florez e Rocío Vázquez, reafirmando o carácter transversal desta aposta educativa.

Money Sport articúlase ao redor de catro sesións de 90 minutos de duración nas que se traballan competencias financeiras clave como a xestión responsable do diñeiro, a planificación a medio e longo prazo, e a toma de decisións informadas. 

O obxectivo é fortalecer a saúde financeira dos e as mozas deportistas e garantir o seu benestar económico tanto durante a súa carreira deportiva como na súa transición posterior.

A metodoloxía do programa transforma contidos tradicionalmente percibidos como complexos nunha experiencia motivadora e próxima, apoiándose en dous alicerces fundamentais: a inmersión narrativa e a gamificación mediante ferramentas dixitais e dinámicas colaborativas.

Así, o Club continúa traballando en novas accións formativas vinculadas ao Departamento Psicoeducativo, reforzando o seu compromiso coa educación, o acompañamento e o desenvolvemento persoal de todos os seus xogadores e xogadoras. 

Con Money Sport, o RC Deportivo dá un paso máis na súa misión de formar non só mellores futbolistas, senón tamén persoas preparadas para afrontar con éxito o seu futuro dentro e fóra do terreo de xogo.