O partido do Dépor ante o Córdoba CF deste martes 31 de marzo ás 20:00 horas en ABANCA-RIAZOR foi declarado polo RC Deportivo como "Día DÉ..." O Deporte Coruñés.
Será moito máis que un partido, unha celebración do que somos como cidade e como xente.
Será unha homenaxe a todos aqueles deportistas que, desde calquera disciplina, representan o esforzo, a paixón e o orgullo da Coruña.
O deporte coruñés non entende de límites nin de categorías: vívese en cada pista, en cada rúa, en cada adestramento e en cada soño.
ABANCA-RIAZOR será o punto de encontro de todos eles. Un lugar onde o aplauso non só empuxa ao equipo, senón que recoñece a toda unha cidade que sente o deporte como parte da súa identidade.
Desta forma, representantes dos principais clubs deportivos da Coruña estarán presentes no Palco de Honra.
En cada encontro en ABANCA-RIAZOR esta temporada tanto do Dépor como do Dépor ABANCA, máis da metade das localidades do Palco de Honra serán destinadas a un colectivo da cidadanía ou a un sector de #ANOSAFORZA, para facer a entidade máis próxima, dar protagonismo á masa social deportivista e agradecer o seu excepcional apoio unha temporada máis.
