
O Dépor abre brecha tras gañar 0-1 na Romareda
Un gol con fortuna de Laure, tras unha espectacular xogada persoal na primeira parte, deu a vitoria pola mínima ao Dépor que, á espera de que se complete a xornada, queda con más dun partido de vantaxe con respecto aos seus perseguido
Tras a vitoria do Eibar en Miranda de Ebro e a derrota do Recre no Anxo Carro, o Deportivo saltaba ao céspede da Romareda coa posición de ascenso directo garantida, e cunha boa oportunidade de abrir brecha na clasificación fronte aos seus perseguidores, unha oportunidade que non desaproveitou.
Por iso o Dépor, con sete canteiráns na súa aliñación inicial, saíu enchufado e atacando ao Zaragoza, metendo aos locais na frontal da súa área durante os primeiros minutos. A pesar diso, a primeira gran ocasión foi para Roger que rematou mal de cabeza, a un metro da liña de gol, un balón centrado á área pequena no minuto 7.
O Dépor seguiu controlando o xogo e transformou o seu dominio en ocasións no minuto 12 cun cabezazo de Insua a falta colgada por Rabello. A parábola que colleu o balón rematado polo arzuán acabou deixando o esférico na parte superior da portaría de Leo Franco. Na seguinte chegada branquiazul, Arias López non sinalou como penalti o choque entre Laguardia e Luís Fernández. A partir dese momento os maños fóronse arriba e gozaron de dúas boas ocasións, a primeira tras un erro de Lux que non atrapou un centro en primeira instancia e, xogándose o físico, detivo o segundo remate dos locais. Foi o precedente a unha xogada na que Poroto estivo sensacional, sacando por baixo o man a man que lle enfrontou a Roger.
Esa intervención de Lux revelouse como determinante moi rapidamente, xa que a resposta do Dépor supuxo o único tanto do partido. Foi grazas a unha xogada persoal de Laure por banda dereita, arrincando na bandeirola de córner con caño incluído, buscando a parede dentro de área con Juan Domínguez e rematando ao pau da portaría zaragozana. A calidade transformouse aí en sorte porque ese rexeite do pau pegou nas costas de Leo Franco e a xogada converteuse no 0-1 no minuto 29 de partido.
Luís García tivo unha boa ocasión no 33 pero rematou desviado un bo centro á área. O seu homónimo Fernández tamén puido ter unha gran ocasión tras un bo pase entre liñas de Seoane, pero Leo Franco desbaratou a oportunidade metendo a man abaixo e quitando o balón dos pés do canteirán. O propio Luís tivo a última do Dépor na primeira parte cunha falta directa ben lanzada pero que atrapou sen moitos problemas o porteiro local.
Na continuación o partido perdeu en intensidade e sobre todo en presenza na zona de perigo por parte do Deportivo. No primeiro cuarto de hora do segundo tempo o Zaragoza fíxose co dominio do balón e as súas aproximacións foron máis numerosas que as do Dépor, que o tentaba á contra. Ante esta situación Fernando Vázquez reestruturou ao equipo, metendo a Wilk no dobre pivote, retirando do campo a Juan Carlos e incrustando a Álex Bergantiños na zaga.
O debut de Diego Ifrán co Dépor chegou no minuto 24 da segunda parte substituíndo a Luís Fernández, que ata ese minuto realizou un gran traballo xerando ocasións e moita incomodidade aos centrais do Zaragoza.
O terceiro cambio foi o de Núñez por Sissoko superada a media hora tras un gran partido da costa marfileño do Deportivo.
Tras ese último movemento, o Zaragoza dispuxo dunha gran ocasión cun disparo desde a frontal que se marchou moi preto do pau esquerdo da portaría de Lux. Os de Víctor Muñoz seguiron insistindo mentres o Dépor trataba de contemporizar todo o posible e elaborar con tranquilidade as súas xogadas de ataque. Arzo salvouse da expulsión ao golpear a Lux nunha falta colgada por Barkero cando o partido entraba no cinco últimos minutos.
O Dépor defendeu ben a súa vantaxe no tramo final do encontro e sumou tres puntos fundamentais na loita polo ascenso a Primeira División.
Zaragoza: Leo Franco; David Cortés, Álvaro, Diego Rico, Laguardia; Montañés, Javi Álamo (Suárez, min. 46); Paglialunga, Arzo (Abraham, min 85), Roger (Barkero, min. 46) e Luís García.
Deportivo: Lux; Laure, Lopo, Insua, Seoane; Álex Bergantiños, Juan Domínguez; Juan Carlos (Wilk, min. 56), Sissoko (Núñez, min. 76), Rabello (Ifrán, min. 69) e Luís Fernández
Árbitro: Arias López, do Comité Cántabro. Amoestou a Álvaro (min. 42), Sissoko (min.43); Cortés (min. 58), Arzo (min. 73), Wilk (min. 73) e Laguardia (min. 88)
Goles: 0-1 (min. 29) Laure



