O Dépor alterna ABANCA-RIAZOR con Termaria Casa del Agua
O Deportivo alternou esta mañá traballo sobre o céspede de ABANCA-RIAZOR con tarefas de recuperación en Termaria Casa del Agua.
O cadro, hoxe co fabrilista Mujaid, saltou ao céspede do estadio pasadas as 10:30 horas para, após un quecemento, realizar un novo exercicio táctico de cara ao encontro deste domingo 26 de xaneiro no Estadio Carlos Belmonte de Albacete (16:00 horas, Movistar LaLiga).
A continuación, os futbolistas trasladáronse a Termaria Casa del Agua para realizar unha serie de tarefas de recuperación, como é habitual 2 días antes de cada partido. Houbo estiramentos e paso pola zona de auga do complexo anexo ao Estadio ABANCA-RIAZOR.
Adestráronse á marxe do grupo Christian Santos, Jovanović e Borja Valle, este a consecuencia dunha lumbalxia.
Mañá sábado, Fernando Vázquez citou ao seu cadro para almorzar ás 10:00 nas instalacións de Abegondo habilitadas para tal fin. Ás 11:00 está previsto que arrinque o traballo sobre o céspede.
Ao finalizar, o técnico deportivista dará a lista de convocados para viaxar ao mediodía a Albacete, vía Madrid.