O Dépor comezou este luns 27 de abril no Dépor Training Center unha semana curta de traballo posto que a seguinte cita ligueira será o venres 1 de maio ás 18:30 en ABANCA-RIAZOR ante o CD Leganés, retransmitido en directo por LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible tamén en DIGI TV e outras plataformas.
Como onte domingo foi xornada de descanso após o choque do sábado 25 de abril en Burgos, hoxe luns houbo recuperación física para os titulares en El Plantío.
Así, este grupo de xogadores, após unha activación e unha serie de carreiras no campo, pasáronse ao ximnasio e á sala de fisioterapia.
Para o resto do cadro o corpo técnico dispuxo ademais un roldo, un xogo de posición, finalizacións e fútbol en espazo reducido.
Sergio Escudero subliñou após o encontro en El Plantío que "hai que traballar esta semana, preparar ben o partido ante o CD Leganés. A seguir, que queda pouquiño e hai que dar todo".
Os resultados da última xornada, co empate ante o Burgos CF, deixaron a Os Nosos con 65 puntos na 3ª posición, por detrás da UD Almería (67 puntos) e do Real Racing Club (69 puntos).
Precisamente do partido en El Plantío, que deixou un polémico penalti sinalado a Quagliata que supuxo o 1-1 para o conxunto castelán, o Club non pode obviar a preocupación existente ante a reiteración de decisións arbitrais de alto impacto e a aplicación de criterios non homoxéneos en accións de natureza similar. Desde unha aproximación construtiva e rigorosa, entendemos que é necesario avanzar en mecanismos que reforcen a coherencia na toma de decisións e acheguen maior certidumbre ao desenvolvemento competitivo.
Neste contexto, o RC Deportivo considera lexítimo aspirar a que o respecto institucional que o Club mantén de forma constante sexa correspondido no exercicio profesional do colectivo arbitral, baixo parámetros de consistencia, equilibrio e máxima esixencia técnica.
Ao mesmo tempo, resulta evidente a aparición de dinámicas externas que buscan condicionar a contorna arbitral mediante a exposición pública e a xeración de relatos interesados. Este tipo de comportamentos, cada vez máis frecuentes, introducen elementos de presión que distorsionan o marco competitivo e afectan ao normal desenvolvemento da competición.
O RC Deportivo reafirma o seu compromiso cun modelo de xestión baseado na responsabilidade institucional, o respecto e a defensa dunha competición xusta, transparente e allea a calquera intento de inxerencia externa.
Desde esa coherencia, o Club continuará actuando coa mesma liña de conduta, convencido de que é a que mellor contribúe á protección dos seus intereses e ao fortalecemento do fútbol profesional no seu conxunto.
Antonio Hidalgo disporá de 4 sesións de traballo no Dépor Training Center, con esta planificación:
Luns 27 de abril
17:00 h.
Martes 28 de abril
10:30 h.
Mércores 29 de abril
10:30 h.
Xoves 30 de abril
10:30 h.
Venres 1 de maio
18:30: Deportivo - CD Leganés, en ABANCA-RIAZOR
