RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor asenta as rutinas diarias nunha climatoloxía ideal para unha pretemporada

Segundo día de traballo esta mañá para o primeiro equipo do RC Deportivo nunhas condicións ambientais que de seguro son a envexa de moitos clubs en pleno mes de xullo e con onda de calor en boa parte da península ibérica: ceo nubrado, choiva esporádica e temperatura non superior aos 19 graos.

Borja Jiménez e o seu corpo técnico tratan de asentar nestas primeiras xornadas de pretemporada as rutinas habituais de todo o ano para un cadro ademais con moitas caras novas no vestiario: almorzo á primeira hora no comedor da Cidade Deportiva, traballo preventivo previo, novos métodos de quecemento e adestramento...

O técnico deportivista, após uns exercicios de mobilidade, unha roda de pases e rondos, dispuxo unha serie de tarefas de posesión, fútbol reducido... O balón sempre polo medio.

Con Uche, Rolan e Fede Cartabia de permiso; e Celso Borges coa súa selección na Copa de Ouro da CONCACAF, os dous futbolistas con adestramento específico no ximnasio foron Héctor e Pablo Brea. O meta Alberto, Valín e Josep Calavera permanecen nos seus respectivos domicilios con traballo individualizado ata que ditaminen os Servizos Médicos.

Os canteiráns Juan Rodríguez, Iván Guerrero e o meta xuvenil Hugo Ríos estiveron esta mañá ás ordes de Borja Jiménez.

Mañá mércores, terceiro día desta pretemporada, hai dobre quenda en Abegondo: 10:30 e 19:00.