O Dépor mídese esta noite en ABANCA-RIAZOR ao Córdoba CF (21:00 horas, LaLiga TV Hypermotion, #Vamos e Fútbol 2) en partido correspondente á 30ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Óscar Gilsanz, en rolda de prensa onte venres, manifestou que "o partido é importante e difícil como todos. O Córdoba CF vén nun momento moi bo. Nós trataremos de seguir sendo competitivos, facer un bo partido. O importante é que o rendemento do equipo sexa estable, que sexa capaz de xogar un bo partido".
Os resultados da última xornada, co triunfo no Estadio Carlos Tartiere de Oviedo, deixaron a Os Nosos na 10ª posición con 39 puntos.
Son baixa para o partido por lesión Escudero e Gauto, este a consecuencia dunha lesión muscular no recto femoral da súa perna dereita con afectación do tendón central que o terá varias semanas de baixa.
Nunha semana curta, o técnico deportivista aproveitou até o último instante para preparar o encontro. Así, o Dépor realizou esta mañá unha última sesión de traballo en Abegondo cunha activación e un repaso ás accións a balón parado.
O preparador deportivista subliñou ante os medios que o equipo "está con ilusión, con moitas ganas. Trataremos de canalizar todo iso e facer un bo partido".
Tampouco lle dá importancia ao horario do partido, un venres: "A min sempre me gusta xogar. Non me importa o día. Somos profesionais e temos que adaptarnos".
Admite iso si que "o maior problema é para os afeccionados que se desprazan, que saen de traballar; pero para o profesional é independente. Seguro que se gañamos viría moi ben porque teriamos unha fin de semana tranquila".
Pola súa banda, o Córdoba CF, que a pasada fin de semana goleou (5-0) ao Granada CF no Nuevo Arcángel, é 9º na táboa con 42 puntos.
Os andaluces levan 5 partidos consecutivos gañando fóra do seu estadio e 3 consecutivos en total.
No encontro da primeira volta, disputado o pasado 15 de setembro de 2024 (5ª xornada), venceron os cordobeses (2-0) con goles de Carracedo e Ander, este no desconto.
Lonxe do Nuevo Arcángel esta temporada o Córdoba CF gañou ao Real Oviedo (2-3), CD Castellón (1-2), FC Cartagena (0-1), CD Tenerife (2-3) e Racing de Ferrol (0-1); empatou co Albacete Balompié (1-1) e UD Levante (1-1); e caeu co CD Mirandés (1-0), Elche CF (3-1), SD Huesca (4-1), Granada CF (1-0), Real Racing Club (2-0), UD Almería (4-0), Cádiz CF (2-0) e Sporting de Gijón (2-0).
O seu técnico, Iván Ania, confimó as baixas de Adilson "xa para toda a temporada" e de Carlos Isaac, "que viña actuando na banda dereita de titular moitísimas xornadas consecutivas. O normal é que sexa Albarrán o que o supla".
Cre que Dépor e Córdoba CF "somos dous equipos moi similares. Desde principio de liga cando vía o Dépor víame un pouco reflectido en todo, no bo e no malo; nos erros, nos acertos... Os dous temos moito xogo exterior aínda que eles realmente agora meten os extremos dentro e teñen moitas ameazas dentro con Yeremay, Mella... Os laterais van altísimos".
O adestrador cordobesista indica que a clave é que "sexamos capaces de quitarlles o balón porque somos dous equipos mellores ofensiva que defensivamente".
Concluído o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o sábado 8 de marzo ás 11:00 en Abegondo.