RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor, co mellor equipo posible para pasar rolda, debuta en Copa mañá mércores en Langreo ante o CD Covadonga

O Deportivo estréase na Copa del Rey mañá mércores 1 de novembro ás 17:00 ante o CD Covadonga, retransmitido pola TVG-2.

A eliminatoria, a partido único, non se xogará no campo do conxunto asturiano, o Juan Antonio Álvarez Rabanal de Oviedo, por non cumprir os requisitos mínimos establecidos pola Federación para a disputa do mesmo.

Así pois, o CD Covadonga tivo que buscar un escenario alternativo. Atopouse coa negativa do Real Oviedo polo Carlos Tartiere e finalmente atopou a solución no Municipal de Ganzábal en Langreo, de herba sintética.

En rolda de prensa, Imanol Idiakez mostrouse cauto por este condicionante "sobre todo cos que poidan ter algún tipo de problema coa superficie". "O tema físico vaime a condicionar pero hai que pór o mellor equipo posible para pasar rolda", asegurou ante os medios de comunicación.

Os branquiazuis encaran a Copa, competición histórica para o Club con dous títulos (1995 e 2002), despois de 3 partidos consecutivos sen perder en liga: un empate (1-1) en Ponferrada xogando con 10 desde o minuto 10; e vitorias en Sabadell (0-1) e en ABANCA-RIAZOR fronte ao líder Nàstic de Tarragona (1-0).

Lembrou o adestrador branquiazul que a temporada pasada o Dépor caeu en Guijuelo "e eu co CD Leganés en Gernika. Isto é a Copa del Rey. Xa sabemos o que significa, fóra de ABANCA-RIAZOR, campo de herba artificial... Vai haber dificultades. Mañá quero que a xente que salga ao campo salga de verdade, que teñamos un equipo competitivo e que pasemos rolda porque non me entra outra cousa na cabeza".

O equipo realizou esta mañá unha última sesión, a única de todo o grupo antes do encontro, "sobre todo para ver como está a xente", aclarou. O corpo técnico branquiazul dispuxo unha activación cun roldo e un xogo de posición.

Yeremay, Jaime, Barbero e Hugo Rama, este a consecuencia dunha contusión nun pé, pérdense forzosamente o partido por lesión; ademais de Jose Ángel, que cumprirá un partido de sanción ao ser expulsado a temporada pasada co CD Tenerife no seu choque copeiro co Pontevedra CF.

Martín Ochoa, Mella, Jairo, Rubén, Óscar Marotías e Álex Pereira son os representantes de #ANOSACANTEIRA na citación de 22 futbolistas que viaxan mañá mesmo á primeira hora a Asturias.

Iso si, advertiu Imanol Idiakez que "hai que ter en conta a regulamentación. Hai que ter 7 xogadores do primeiro equipo no campo obrigatoriamente. Xa houbo historias de aliñacións indebidas. Mañá imos ter moi en conta iso polo si ou polo non. Se tes máis de 3 do filial e de súpeto pasa algo che poden reclamar. Terémolo en conta pero na miña cabeza está que a xente preparada poida xogar connosco mañá".

Pola súa banda, o CD Covadonga, que cualificou o choque ante o Dépor nas súas redes sociais como "histórico", preséntase á cita após empatar no seu campo (1-1) ante o UP Langreo. Os asturianos ocupan a 17ª posición no grupo 1º de Segunda Federación con 5 puntos.

Esta temporada, o Fabril tivo ocasión de visitar ao Juan Antonio Álvarez Rabanal nun partido que finalizou cun claro triunfo (0-3) dos pupilos de Óscar Gilsanz. "Non levamos presión (por este motivo). Dános alegría que gañase o Fabril. Non competimos co Fabril, competimos co CD Covadonga. Alegrámonos moito que gañase o Fabril pero os partidos todos son diferentes e contra nós máis", subliñou o preparador vasco.

O CD Covadonga ten á venda online as entradas para o encontro. Existen tres categorías: adulto (18 euros), sub-23 (12 euros) e sub-16 (5 euros), que se poden adquirir nesta ligazón

O Estadio de Ganzábal, que o Dépor visitou en liga o 11 de abril de 2021 ante o UP Langreo (1-0), dispón de algo máis de 4.000 localidades de asento.

No mail info@ayudaeventos.com responderán ante calquera incidencia ou dúbida.

Finalizado o compromiso de Copa, Os Nosos adestraranse de novo o xoves 2 de novembro ás 11:00 en Abegondo.

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK