RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Dépor máis canteirán busca mañá superar ao Guijuelo na primeira rolda de Copa

O Deportivo máis canteirán buscará mañá sábado 12 de novembro no Municipal Luis Ramos (17:00 horas, TVG-2) derrotar ao CD Guijuelo e superar así a 1ª rolda de Copa del Rey. "Temos que saír a gañar. Á parte, se logo pódeche tocar un equipo de superior categoría, sempre é bonito enfrontarte a xogadores dese nivel. Polo menos para min é unha proba medirte con eles e ver un pouco como sería xogar ese fútbol", dicía onte xoves Alberto Quiles após recoller o Premio Estrella Galicia que o acredita como mellor xogador do mes de outubro.

A eliminatoria é a partido único, e ademais lonxe de ABANCA-RIAZOR posto que o conxunto salmantino está nunha categoría inferior, Segunda Federación.

A convocatoria de 18 futbolistas que Óscar Cano fixo pública este mediodía está infestada de canteiráns. A Dani Barcia, Brais Val, Ángel Puerto e Nájera súmanselle Yeremay e Trilli, xa con ficha do primeiro equipo desde principios de temporada. Ademais, Pablo Brea, Edu Sousa ou o propio Álex Bergantiños teñen pasado tamén en #ANOSACANTEIRA polo menos nalgunha etapa da súa formación.

Óscar Cano ve precisamente o choque como "unha posibilidade de poder disputar minutos, de estar nunha convocatoria, con todo o que iso leva, de que se acheguen ao fútbol profesional con compañeiros que teñen esa experiencia. Hai que ir aos poucos a non ser que veña alguén de verdade a derrubar a porta, que vexamos que é un talento único e que haxa que poñelo inmediatamente".

Cualifica a todos eles "bos xogadores, grandes xogadores e que hai ir aos poucos porque non os podemos consumir. Algún deles posiblemente mañá sexa titular e será o momento de que poidan demostrar cousas sen que mañá sexa nada definitivo. Se o fan ben o que teña minutos non pensemos que xa temos en cernes ao próximo xogador referencia do Dépor e se non teñen un bo partido tampouco pensemos que non están preparados. Debemos relativizar todo".

Pérdense o partido por lesión 2 dos 4 centrais do equipo: Borja Granero e Pablo Martínez; ademais do porteiro coruñés Ian Mackay e de Max Svensson, este a consecuencia dunhas molestias nun xeonllo. "Non parece demasiado prexudicial. Está pendente da súa evolución nas próximas horas pero parece nada serio", comentou ante os medios de comunicación respecto ao dianteiro catalán.

De Ian Mackay, un dos capitáns, chanceou o técnico andaluz: "Está tarado. Tarado para ben. É unha marabilla ver que ten esa molestia, esa dor mesmo e adestra todos os días. El di: 'como non podo usar as mans, imos mellorar o xogo de pés'. Iso é un capitán. Iso é o exemplo que debe de render, como o ten Álex Bergantiños, que agora non está a gozar de minutos e tédelo que ver adestrar. É espectacular. Para un adestrador que estes xogadores representativos do vestiario en canto ao seu liderado, á súa experiencia, estean sempre tirando do grupo e mediante o exemplo sexan un referente para todos, a nós os adestradores facilítanos moito".

Pola súa banda, Isi Gómez, que hoxe recibiu a alta médica, non poderá xogar en Guijuelo posto que está sancionado. O futbolista madrileño foi expulsado a pasada temporada no partido de Copa entre o seu ex equipo, o CD Badaxoz, e o CD Alcoyano.

O Dépor realizou esta mañá unha última sesión de traballo en Abegondo. Ao concluír, os convocados desprazaranse esta mesma tarde por estrada a Salamanca, onde o equipo montará o seu cuartel xeral á espera do partido.

O corpo técnico deportivista dispuxo no campo 3 da Cidade Deportiva, após un quecemento con rondos, unha tarefa de finalizacións, un partido e un último repaso ás accións de estratexia.

O partido en Guijuelo ten outro hándicap para os branquiazuis, o céspede artificial do Municipal Luis Ramos. O adestrador branquiazul afirmou sobre esta circunstancia que "todo condiciona, pero é a superficie que hai. Temos que ir co máximo dos respectos. É o que toca. Hai unha serie de xogadores que polo seu historial lesivo hai que ter coidado con eles, polos minutos que tamén levamos disputados".

Esta Copa chégalle ao Dépor nunha semana na que se despediu Ibai Gómez, após un acordo co Club para a rescisión do seu contrato; e nun bo momento en liga, despois de encadear dúas vitorias consecutivas, a última o pasado sábado no difícil campo do Alxeciras CF. Os branquiazuis marchan en 6ª posición con 21 puntos, os mesmos que o Real Madrid Castilla, 5º e xa en postos de play off de ascenso.

A temporada pasada en Copa, o conxunto deportivista eliminou en primeira rolda ao UCAM Murcia (3-4) e caeu en ABANCA-RIAZOR ante o CA Osasuna en segunda (1-2).

Deportivo e CD Guijuelo coincidiron hai dúas temporada no subgrupo A de o grupo 1º de Segunda División B. Houbo empate sen goles (0-0) no campo salmantino e vitoria branquiazul pola mínima en ABANCA-RIAZOR (1-0) na segunda volta da primeira fase.

Pola súa banda, o CD Guijuelo chega ao choque após caer a pasada fin de semana en liga en Zamora (3-0). A pesar desta dura derrota, os salmantinos son segundos na táboa con 20 puntos, a 4 de distancia do líder, o CD Arenteiro.

O club salmantino avisa das súas intencións nun divertido cartel oficial do partido, difundido nas súas redes sociais, coa lema "Amiguiños sI, pero a vaquiña polo que vale".

Ademais, quere que mañá sexa unha festa para a súa afección, e anuncia bares nos exteriores do estadio, música con DJ, agasallos e, por suposto, bocadillos de xamón, o produto con denominación de orixe desas terras e que o equipo adoita lucir na súa camiseta oficial.

Finalizado o encontro, Os Nosos teñen previsto adestrarse de novo o domingo 13 de novembro ás 10:30 en Abegondo.