RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Dépor regresa a Alxeciras despois de 39 anos en busca da súa segunda vitoria consecutiva e "quitarnos ese lastre do inicio de liga"

O Dépor regresa mañá sábado 5 de novembro (17:00 horas, InSports.tv) a Alxeciras, en partido correspondente á 11ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.

O último partido oficial en terreo gaditano entre ambos os equipos remóntase ao 18 de decembro de 1983 na 16ª xornada de Segunda División. Naquela ocasión o choque acabou en igualada (1-1).

Nos dous partidos anteriores en Alxeciras, todos eles en Segunda, houbo unha vitoria para cada equipo. Na temporada 1978-79 gañaron os andaluces (2-1) mentres que á seguinte campaña fixérono os deportivistas (1-3) de Pancho García ou Alfonso Castro, entre outros.

No presente curso, #OSNOSOS marchan na 6ª posición con 18 puntos, os mesmos que o Real Madrid Castilla, 5º e xa en postos de playoff. O Córdoba CF é líder con 23 puntos.

Despois de vencer a pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ao UD Sanse, o Dépor busca a súa segunda vitoria consecutiva. Óscar Cano pensa a este respecto que "os equipos cando non empezan todo o ben que quixesen necesitan gañar 2 ou 3 partidos de maneira consecutiva para que ese lastre que teñen encima, esa presión poida desaparecer pero dentro dun contexto dificultoso. Tampouco hai moitos equipos que gañen de maneira consecutiva. Todos os equipos que tiveron xeiras que non son usuais nesta categoría de gañar moitos partidos de maneira seguida tamén terán os seus malos momentos".

No Dépor caen da lista de 20 futbolistas de maneira forzosa Isi Gómez e Borja Granero. O adestrador branquiazul, en rolda de prensa, advertiu que "a non ser que faga moitísima falta, os xogadores que non estean ao cento por cento, co cadro tan extenso que temos, o mellor é que non viaxen".

Esta mañá, o equipo realizou en Abegondo unha última sesión de adestramento. Houbo un quecemento con rondos de presión, unha tarefa de diferentes situacións de finalizacións e, para concluír un partido para repasar do plan de cara ao Nuevo Mirador.

Óscar Cano asegura que "estamos a traballar para que o noso mal momento xa pasase e que sexamos regulares na obtención de puntos e nos resultados. O primeiro que temos por diante é Alxeciras e é o que hai que ir gañar e a obter eses 3 puntos que nos dean uns díxitos máis acordes co que é a capacidade e a calidade do cadro. E en segundo lugar enganchar dúas vitorias consecutivas e ver que os rapaces se van quitando ese lastre que temos derivado do comezo de liga e tamén derivado dese partido en Madrid".

Pola súa banda, o Algeciras CF é 9º na táboa con 15 puntos. A pasada fin de semana igualou (3-3) en Mérida nun partido no que foi expulsado o seu máximo artilleiro, Romero, que por conseguinte será baixa mañá.

No seu campo do Nuevo Mirador nesta liga, o equipo gaditano impúxose ao Rayo Majadahonda (2-1) e CF Talavera de la Reina (2-0); empatou co Racing de Ferrol (1-1) e Unionistas de Salamanca CF (1-1); e caeu coa Cultural Leonesa (0-1).

A expectación que esperta a visita do Deportivo é grande. Así, o choque de mañá foi declarado Medio Día do Club e, por conseguinte, os socios terán que pagar 5 euros para ver o partido.

As canles oficiais do Algeciras CF alentan ademais á súa afección a que asista ao campo, cualificando esta 11ª xornada como "súper partido" e cun cartel cinematográfico co título "un xigante vén verme" en alusión ao conxunto branquiazul.

O Dépor viaxa esta tarde en avión vía Málaga. Óscar Cano optou por atrasar a sesión de hoxe ás 11:30 para despois comer na propia Cidade Deportiva e a continuación emprender a viaxe.

O regreso á Coruña será tamén en avión o domingo, con chegada á cidade pasadas as 15:00 horas.

O cadro descansará o luns e regresará aos adestramentos o martes ás 10:30 en Abegondo.