O DéporCampus Cabreiroá 2023 concluíu esta mañá con récord histórico de participación
Unha representación do Deportivo e do Deportivo ABANCA clausuraron hoxe venres no campo de herba sintética de Abegondo un DéporCampus Cabreiroá 2023 repartido por toda Galicia e con récord de participación desde a súa creación.
Diego Villares, Pablo Martínez, Alberto, Pablo Vázquez, Yeremay, José Ángel, Ayaka, Ana de Teresa, Clara Rodríguez, Sara Debén, Eva Dios e Millene foron os encargados, ao berro de 'Dépor! Dépor!' e despois dunha divertida mañá de xogos con inchables, de entregar os diplomas acreditativos, asinar autógrafos e gozar dun intre agradable cos 156 nenos e nenas do 6º e último na Cidade Deportiva, pola que este verán pasaron desde o 26 de xuño 1.473 nenos e nenas.
Tamén puxo o punto e final o DéporCampus Cabreiroá de Catoira (Pontevedra), con 58 inscritos.
Así pois, esta actividade clásica xa no verán galego, organizada pola Fundación RC Deportivo, pechou a temporada con récord de participación, un total de 2.578 nenos e nenas.
Ademais dos citados de Abegondo e Catoira, os DéporCampus Cabreiroá 2023 estiveron presentes, por orde alfabética, en Bertamiráns (con 48 nenos e nenas), Boiro (63), Caranza (87), Carballo (67), Cee (83), Cuntis (55), Monforte (100), Ourense (36), Outes (64), Ponte Caldelas (68), Sarria (91), Silleda (71), Terras de Maside (62), Viveiro (108) e Zas (44).
A Fundación RC Deportivo quere agradecer o traballo e dedicación dos 57 monitores e monitoras que contribuíron a que este DéporCampus Cabreiroá 2023 fose todo un éxito organizativo.
Ante calquera dúbida ou consulta pódese contactar coa organización na dirección de correo electrónico deporcampus@rcdeportivo.es.