RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ANOSAFORZA

O deportivismo coloca a media de asistencia a ABANCA-RIAZOR do curso 2023-2024 no podio histórico

O deportivismo respondeu esta temporada, a cuarta consecutiva no terceiro chanzo do fútbol español, cunha das mellores medias de asistencia a ABANCA-RIAZOR desde que existen rexistros oficiais a través dos tornos de acceso, en 2005.

A afección branquiazul comezou o curso elevando a cifra de abonados a unha das maiores da súa historia (28.346), cantidade só superada nos cursos 2000-01, 2001-02, 2002-03 e 2003-04, todos en Primeira División e en Liga de Campións. Pero tamén deu a talla en canto a afluencia a ABANCA-RIAZOR, que sempre se move en varios miles por baixo do número de socios.

O presente curso en ABANCA-RIAZOR a asistencia superou os 20.000 afeccionados en 15 dos 20 partidos: FC Barcelona Atlètic (31.833), CyD Leonesa (29.079), CD Arenteiro (28.293), CD Lugo (28.112), Real Unión Club de Irún (27.041), Unionistas de Salamanca CF (26.566), CE Sabadell FC (26.119), RC Celta Fortuna (25.672), CD Teruel (22.161), UE Cornellà (22.130), SD Ponferradina (21.310), CF Fuenlabrada (21.290), SD Tarazona (21.046), CF Rayo Majadahonda (20.649) e Gimnàstic de Tarragona (20.063). Os outros 5 encontros foron: Real Sociedad B (19.715), SD Logroñés (18.557), Sestao River Club (17.950), CA Osasuna Promesas (16.637) e CD Castellón (16.176).

Estas cifras sitúan a afluencia media a ABANCA-RIAZOR no campionato ligueiro por riba dos 20.000 espectadores por primeira vez desde o último curso en Primeira e por riba dos 23.000 por terceira vez nestes 20 anos de rexistros oficiais.

Con 23.020 afeccionados por encontro, o curso recentemente finalizado ocupa a terceira posición histórica. Só están por riba dúas temporadas en Primeira División: a 2012-13, que rematou co descenso a Segunda, con 23.864 afeccionados, e a 2015-16, segunda consecutiva na máxima categoría, con 23.797.

Chama poderosamente a atención o feito de que as 6 últimas das 20 campañas consecutivas en Primeira División queden a anos luz da media do presente exercicio. A asistencia media a ABANCA-RIAZOR non superou os 18.500 espectadores en ningunha delas e mesmo en 4 non chegou aos 16.000 afeccionados. Na 2005-06 a media foi de 17.303 espectadores; na 2006-07 quedou en 15.944; na 2007-08 descendeu a 15.777; na 2008-09 baixou a 15.711; na 2009-10 caeu até os 15.470; e na 2010-11 subiu até os 18.435, grazas sobre todo aos últimos partidos nos que cada socio podía convidar a tres acompañantes por só 5 euros cada un.  

A título comparativo, as cifras durante as últimas temporadas tamén distaron moito das actuais.

No curso 2018-19, o do frustrado ascenso en Mallorca, a media foise até os 17.656 afeccionados. Nesta campaña hai que ter en conta os peches parciais que sufriu o estadio debido ás obras de reforma da cuberta de ABANCA-RIAZOR. A temporada seguinte, a do descenso a Segunda B, a media de afluencia quedou en 17.476 espectadores nos 15 partidos con público antes do estalido da pandemia mundial de COVID-19.

A temporada 2020-21 desenvolveuse na súa totalidade a porta pechada ou con aforamento limitado. No caso do curso seguinte, o 2021-22, caeu á cifra máis baixa desde que hai rexistros: 14.404 afeccionados por encontro nos 17 partidos co estadio aberto na súa totalidade. A pasada campaña, a asistencia media subiu até os 19.532 afeccionados por partido. Por último, hai que destacar que non existen rexistros da temporada 2011-12, a que viu ao Deportivo por primeira vez en Segunda División despois de dúas décadas consecutivas na elite.