O Fabril arranca a liga en Segunda Federación coa visita ao Real Avilés Industrial
O Fabril de Óscar Gilsanz arranca a liga no Grupo 1 de Segunda Federación o próximo 2 ou 3 de setembro coa visita ao Real Avilés Industrial.
Así pois, o primeiro partido en Abegondo será na 2ª xornada, unha semana despois, ante o Rayo Cantabria.
O filial deportivista pechará o ano 2023 en Pasarón o 16 ou 17 de decembro (16ª xornada) ante o Pontevedra CF, nun dos duelos rexionais.
A liga regular concluirá o 4 ou 5 de maio de 2023, tamén lonxe da Cidade Deportiva, concretamente coa visita ao Real Oviedo Vetusta. Precisamente será contra o filial carbayón contra o que o equipo de Óscar Gilsanz inicie o 2024, o 6 ou 7 de xaneiro.
O playoff de ascenso, a ida e volta, disputarase o 11 e 12, e 18 e 19 de maio (semifinais); e 25 e 26 de maio, e 1 e 2 de xuño (finais).
Primeiro amigable de pretemporada o mércores 26 en Abegondo
O Fabril botou a rodar esta semana en Abegondo con varios futbolistas en dinámica do primeiro equipo durante a pretemporada como David Mella, Martín Ochoa ou Diego Gómez; e outros que estes primeiros días tamén se adestran ás ordes de Imanol Idiakez, caso de Jairo, Brais Val e Álvaro Santamaría.
A primeira cita amigable para o equipo de Óscar Gilsanz será o mércores 26 de xullo ás 19:30 no campo 3 de Abegondo (sen acceso ao público) ante o Silva SD.