O Fabril caeu por 3-1 co UCAM Murcia CF no partido de volta da primeira eliminatoria de ascenso a Primera Federación.
Como o choque de ida xogado o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR acabou en táboas (0-0) os fabrilistas quedaron apeados da competición.
Manuel Pablo cre que o seu equipo "pagou moi caro os erros" como o do primeiro gol murciano, aos 5 minutos de xogo após a saída dun saque de esquina. Javi Ramírez, entrando desde atrás e libre de marca, batía a Alberto.
"O córner é unha perda nosa, unha recuperación que tiramos nós a saque de esquina no canto de estar máis intelixentes. Aí durmímonos", lamentouse o técnico fabrilista.
Coa vantaxe no marcador, posto que ao Fabril só lle valía o triunfo para pasar de rolda, o UCAM Murcia CF manexou o partido aínda que o Fabril seguiuno tentando.
Á media hora, os murcianos volveron golpear. Del Campo recibe en profundidade e o seu disparo a porta é despexado por Alberto. O rexeite cae a Ale Marín, que bate por baixo á meta fabrilista.
"Teñen calidade e sabiamos que ao espazo podíannos crear situacións como esa", en referencia ao segundo gol local.
Con este resultado chegouse ao descanso.
No vestiario, Manuel Pablo desvela que a mensaxe que lle transmitiu aos seus xogadores era "seguir tentándoo. Metéronnos dous goles e nós chegamos con ocasións e non estivemos acertados. Con esa premisa habemos tentando saír na segunda parte".
Á hora de partido, Yeremy comete un claro penalti por agarrón a Bil o que lle supón a súa segunda amarela e, por conseguinte, a súa expulsión. Kevin transforma o penalti e achega ao Fabril no marcador.
"Púxosenos un pouco mellor co penalti e a expulsión pero outro erro prexudicounos. Eles souberon defender e non logramos atopar solucións até o final", explicou Manuel Pablo.
O UCAM Murcia CF, un conxunto veterano, manexouse en inferioridade numérica e aínda ampliou a vantaxe na recta final grazas a un gol de Amin que sentenciaba a eliminatoria. O dianteiro do UCAM Murcia CF bate de vaselina a Alberto após tocar o seu remate en Damián Canedo.
Os minutos finais deixaron o debut no filial do xuvenil Álvaro Fraga ao substituír a Íker Vidal.
Coa cabeza moi alta conclúe a súa gran temporada o Fabril.
UCAM Murcia CF: Ackerman, José Ruiz, Yeremy, Javi Ramírez, Urcelay, Del Campo (Segura, min. 68), Luque, Pablo Hernández (Amin, min. 68), Ale Marín (Sevila, min. 63), Alexis García (Gonpi, min. 76) e Miki Bosch
Fabril: Alberto, Mardones, Damián Canedo (Carreira, min. 79), Marotías, Íker Vidal (Álvaro, min. 90), Kike Fernández (Garrido, min. 79), Alfaro, Guerrero (Darío Germil, min. 79), Fabi (Bil, min. 59), Mane e Kevin Sánchez
Árbitro: Carlos Palencia Cerdeño, do comité castelán-manchego. Amoestou a Marotías (min. 11), Alexis García (min. 46), Pablo Hernández (min. 48), Yeremy (min. 56 e min. 61) e Prieto (min. 75)
Goles: 1-0 Javi Ramírez (min. 5); 2-0 Ale Marín (min. 32); 2-1 Kevin, de penalti (min. 61); 3-1 Amin (min. 81)
Incidencias: partido de volta da primeira eliminatoria do play off de ascenso a Primera Federación disputado no estadio Be Soccer A Condomina