RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Un Fabril "tentando recuperarnos" da lesión de Damián Canedo rende visita a outro dos aspirantes, o CD Numancia de Soria

O Fabril mídese este sábado 13 de decembro ás 18:00 nos Pajaritos ao CD Numancia de Soria, en partido correspondente á 15ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

O filial chega ao choque en 4ª posición da táboa con 25 puntos pero coa mala noticia da lesión de Damián Canedo no ligamento cruzado do seu xeonllo dereito que lle obrigará a pasar por quirófano nos próximos días.

Manuel Pablo conta que o central se lesionou "nun balón longo no que tivo que corrixir. No xiro foi cando lle deu. Foi impactante pola dor que tiña. Animicamente o equipo estivo bastante afectado e estamos a tentar recuperarnos e tentándonos centrar no partido".

Nesta liña o técnico fabrilista cre que a mellor forma de sobreporse é "tentando pensar no que tes que facer, no partido, no adestramento. Custou volver activar aos compañeiros porque Damián se gañou ese prestixio. O ano pasado utilizámolo de central dereito e acomodouse a esa posición. Foi progresando moi rápido connosco. Á parte é un compañeiro exemplar e moi querido. Afecta máis todo".

Manuel Pablo conclúe que "o imos a perder deportivamente pero ímolo a ter aí sempre. Polo menos témolo preto".

Ademais de Damián Canedo, non estarán por lesión Quique Fernández "máis os do primeiro equipo como Samu, Quique Teijo ou Noé", apostila o preparador fabrilista.

A outra cara da moeda é Samu, citado por primeira vez pola selección española sub-19 para disputar un torneo amigable en Xapón.

Por este motivo, o futbolista naronés será baixa segura o vindeiro domingo 21 de decembro ás 12:00 no campo Arsenio Iglesias ante o Real Ávila CF.

Pola súa banda, o CD Numancia de Soria, que a pasada fin de semana venceu por 0-3 ao UD Ourense, é 2º con 27 puntos.

En Los Pajaritos esta temporada os sorianos, que para este partido non poderán contar con Alain García e Héctor Pena, gañaron ao Rayo Cantabria (2-1), Gimnástica Segoviana CF (1-0), Salamanca CF UDS (3-1), Real Valladolid Promesas (3-1) e UP Langreo (3-1); empataron coa UD Sámano (0-0); e perderon co Coruxo FC (1-2).

Ángel Rodríguez destaca do Fabril que "xoga moi ben, con bo manexo de balón, asóciase moi ben; e non estiveron acertados nas áreas ultimamente, pero son moi bos".

O adestrador numantino advirte que "houbo que picar pedra para aos poucos sumar vitorias a base de bo traballo" e cre que "as cousas se están facendo ben con esta forma de traballar" após sumar xa 3 triunfos consecutivos.