RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Bergantiños CF e Fabril mídense este domingo 1 de marzo ás 17:00 nas Eiroas con "todo o que leva un derbi"

O Fabril mídese ao Bergantiños CF nas Eiroas este domingo 1 de marzo ás 17:00 en partido correspondente á 25ª xornada en Segunda Federación.

Manuel Pablo, na sala de prensa, advirte que o partido ten "todo o que leva un derbi. As emocións están moito máis altas que outros partidos".

Pide o técnico fabrilista "pornos a ese nivel e tentar seguir con esa xeira de bos resultados sabendo que todos os partidos son trabados. Non parece que vaias gañar fácil. Non só nós. Os resultados son moi igualados para todos".

Cre fundamental "manterse no partido o máximo tempo posible e ser o máximo tempo reconocibles".

O filial, que a pasada fin de semana dobregou no campo Arsenio Iglesias ao CD Numancia de Soria, chega ao choque na cabeza da táboa con 49 puntos, os mesmos que o Oviedo Vetusta.

A mala noticia foi a lesión de Manu Ferreiro, con molestias nun isquio. O canteirán está á espera de probas complementarias para determinar o seu tratamento.

O atacante únese a Damián Canedo na lista de baixas.

Pola súa banda, o Bergantiños CF, que a pasada semana arrincou un punto na súa visita á Gimnástica Segoviana CF (1-1), é 9º con 34 puntos.

No partido da primeira volta disputado no Arsenio Iglesias o pasado 9 de novembro houbo empate sen goles (0-0).

Nas Eiroas esta campaña o 'Bergan' gañou ao CD Numancia de Soria (3-1), Real Valladolid Promesas (1-0), Burgos CF Promesas (4-2), Gimnástica Segoviana CF (3-1) e UD Sámano (1-0); empatou co Salamanca CF UDS (2-2), UP Langreo (0-0), Atlético Astorga FC (0-0) e Real Ávila CF (0-0); e perdeu co Oviedo Vetusta (1-2), Marino de Luanco (0-1) e Rayo Cantabria (3-4).

O Bergantiños CF advirte nas súas redes sociais "unha gran demanda de entradas" para o partido e subliña que se venderán nos despachos de billetes das Eiroas o mesmo día do partido a partir das 15:30 con estes prezos: 5 euros (nenos e nenas entre 6 e 10 anos), 10 euros (afeccionados e afeccionadas entre 11 e 17 anos, e 15 euros (a partir de 18 anos).