RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril sofre para superar por 2-1 ao poderoso CD Numancia porque "non metemos as moitas ocasións que tivemos"

O Fabril venceu por 2-1 ao CD Numancia de Soria este domingo 22 de febreiro no campo Arsenio Iglesias, en partido correspondente á 24ª xornada en Segunda Federación.

Con este resultado, o conxunto de Manuel Pablo suma 49 puntos na cabeza da táboa. 

Precisamente o canario mostrouse "contento por estar aí. Necesitabamos un partido completo contra un rival así pero non puidemos ter tranquilidade. Costa non só a nós. Os resultados son moi igualados. É moi difícil. Hai que seguir na mesma liña de xogo e chegarán os resultados, como están a chegar".

O técnico fabrilista puido contar con Bil e Noé, que se adestran diariamente co primeiro equipo. O dianteiro camerunés mesmo sentou no banco do Dépor no seu encontro en ABANCA-RIAZOR ante a SD Eibar. 

Tamén foi titular Samu Fernández, que estivo concentrado esta semana coa selección española sub-19 debido a dous amigables ante Noruega en Benidorm.

O central deportivista precisamente xogou completo o choque do pasado xoves.

Pola súa banda, o CD Numancia de Soria presentábase no Dépor Training Center 7º na táboa con 36 puntos.

A primeira oportunidade do encontro chegou aos 7 minutos. Mane, que actuou de novo de lateral esquerdo, recibe no segundo pau após un mal control de Alain e o seu disparo sácao con moitos apuros o porteiro numantino Iván Martínez.

Aarón probou fortuna de cabeza ao saque dunha falta lateral. O remate do central non colleu portería. Corría o minuto 11.

O CD Numancia optou por esperar en campo propio e sorprender á contra.

O filial deportivista sufriu un contratempo á media hora de xogo. Manu Ferreiro, con molestias musculares, viuse obigado a pedir o cambio. Domínguez foi a súa substitución.

O CD Numancia puido adiantarse na recta final do primeiro tempo. Dani García recibe ás costas da defensa fabrilista pero o seu disparo márchase lixeiramente desviado.

Non o logrou o conxunto castelán pero si o conseguiu o Fabril.

Aos 38 minutos, Noé mete un balón en profundidade a Quique Teijo en banda dereita e o seu pase raso ao corazón da área remátao Nájera á rede cun chute cruzado.

O Fabril encarrila o encontro no minuto 41 co segundo gol. Domínguez mete un gran pase entre a defensa numantina a Noé, que bate por baixo a Iván Martínez.

Con 2-0 chegouse ao descanso.

"Levamos moito o peso do xogo pero non atopamos opcións en zona de finalización", resumiu o preparador do Fabril sobre a primeira metade.

Após o paso polos vestiarios o CD Numancia, un equipo chamado a estar na zona privilexiada da táboa, deu un paso adiante.

E recortou diferenzas no minuto 50. Alain mete un centro raso á área que recolle Pablo Álvarez, que á súa vez supera a Hugo Ríos após tocar o balón nun defensor branquiazul.

"Un descoido nunha protesta por unha falta que fixemos. Sácannos rápido e cóllennos despistados", lamentouse o técnico fabrilista.

No minuto 63, Enrique Fernández a punto estivo de lograr o 3º para o Fabril co saque dunha falta directa que se marchou rozando o recanto dereito da portería do CD Numancia.

O partido abriuse. Nájera, de cabeza, obrigou a Iván Martínez a facer unha gran parada.

Case ao minuto seguinte, Bil, algo escorado, xuta raso. A meta do CD Numancia logra sacar a pelota noutra gran intervención.

Manuel Pablo refresca ao equipo coa entrada de Dipanda e Íker Vidal por Bil e Mane.

Nájera puido volver marcar no minuto 79 após unha longa xogada de ataque do Fabril. O seu chute márchase lixeiramente alto.

Os últimos minutos foron de sufrimento porque "non metemos as moitas ocasións que tivemos. Eles son un bo equipo, teñen bos xogadores e pódenche crear perigo en calquera situación", resumiu Manuel Pablo.

O vindeiro domingo 1 de marzo ás 17:00, a Fabril visita nas Eiroas ao Bergantiños CF.

Fabril: Hugo Ríos, Quique Teijo, Aarón, Samu, Mane (Íker Vidal, min. 72), Enrique Fernández, Manu Ferreiro (Domínguez, min. 29), Nájera (Garrido, min. 83), Noé, Fabi (Pablo Cortés, min. 83) e Bil (Dipanda, min. 72)

CD Numancia de Soria: Iván Martínez, Ian, De Frutos, Néstor (Jannik Buyla, min. 68), Moustapha, Juancho, Pablo Álvarez (Matos, min. 78), Alain G., Dani García, Cristian Delgado (Álex Gil, min. 54) e Fermín (Bonilla, min. 68)

Árbitro: Jayro Muñoz García, do comité estremeño. Amoestou a Fermín (min. 15), Domínguez (min. 47), Ian (min. 63), Bonilla (min. 80) e Enrique Fernández (min. 80)

Goles: 1-0 Nájera (min. 38); 2-0 Noé (min. 41); 2-1 Pablo Álvarez (min. 50)

Incidencias: partido correspondente á 24ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación