RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril cae na súa visita a un Racing Villalbés mellor adaptado ás condicións do partido

O Fabril perdeu pola mínima (1-0) na súa visita ao Racing Villalbés nunha tarde de moito vento, frío, choiva e nun céspede, loxicamente, en mal estado para a práctica do fútbol.

Con este resultado, o filial queda con 30 puntos na zona media da táboa.

Regresou en Vilalba ao once de Óscar Gilsanz o internacional Kevin Sánchez, após cumprir en Zamora o seu partido de sanción. Por contra, Álex Pereira substituíu na zaga a Óscar Marotías, castigado á súa vez cun partido por acumulación de amoestacións.

Saíu impreciso o Fabril, ao que lle custou adaptarse ás condicións adversas do partido, prexudicado ademais na primeira metade polo intenso vento en contra.

A primeira ocasión do partido foi para o Racing Villalbés, que monopolizó o xogo de ataque grazas a unha presión moi alta. Corría o minuto 11 e Quico, protagonista dos 90 minutos, a punto estivo de cabecear na área pequena un perigoso centro desde a banda esquerda após un saque de esquina en curto.

Aos poucos o filial foise quitando de encima a presión local e Jairo, na frontal da área, xutou lixeiramente desviado en quizais a mellor xogada dos primeiros 45 minutos.

Os fabrilistas sentían máis cómodos á contra, con espazos para correr ás costas dos defensas racinguistas.

Sen máis sobresaltos nas áreas chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, o encontro seguiu coa mesma tónica, cun Racing Villalbés mellor adaptado ao terreo de xogo.

O correr dos minutos deixou claro que o que primeiro marcase, levaría o encontro.

Avisou Quico no minuto 60 cun disparo que pasou moi preto do pau dereito da portería de Hugo Ríos.

Óscar Gilsanz empezou a mover banco. Jorge substituíu a Mati Castillo coa intención de axudar en defensa e en ataque cos balóns aéreos.

Kevin puido marcar após recibir nunha transición rápida de Diego Gómez pero non acertou coa meta lucense. O internacional estaba algo escorado.

Pouco despois, Jorge cabeceou fóra por pouco un bo centro de novo de Diego Gómez, que cada día vai achegándose ás súas mellores prestacións.

Curiosamente nos mellores minutos do Fabril no encontro chegou o tanto da vitoria racinguista. Após un despexe de Puerto a un saque de esquina, o balón chégalle a Nathaniel, último defensor lucense, que bombea o esférico ás costas da defensa deportivista. Quico controla con calidade e marca de vaselina ante a media saída de Hugo Ríos.

O filial saca ao céspede a toda a artillaría como David Vilan, autor do gol do triunfo en Zamora a pasada fin de semana, e Nájera pero non houbo tempo nin acerto suficiente para incomodar a un rival moi difícil de bater, posto que no que vai de temporada só encaixou 24 goles, unha cifra propia dun equipo da zona alta da clasificación.

O vindeiro domingo 17 de marzo ás 17:00, o Fabril recibe en Abegondo á RS Gimnástica de Torrelavega.

Racing Villalbés: Santomé, Torrado (Diego, min. 88), Quico, Nathaniel, Buyo, Javi Varela (Alberto Lamas, min. 75), Vérez, José Varela (Isaac, min. 62), Diego Uzal, Rares (Javi Fernández, min. 62) e Álex Pérez (Fito, min. 88)

Fabril: Hugo Ríos, Mardones, Álex Pereira, Puerto (Nájera, min. 80), Baladía (Vilán, min. 85), Brais Val, Alfaro (Barba, min. 80), Jairo, Diego Gómez, Mati Castillo (Jorge, min. 64) e Kevin Sánchez.

Goles: 1-0 Quico (min. 78)

Árbitro: Gorka Mazo Maruri, do Comité castelán-leonés. Amoestou a Javi Varela (min. 63), Hugo Ríos (min. 74) e Jorge (min. 89).

Incidencias: Partido correspondente á 26ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado no campo da Magdalena nunha tarde fría e moi chuviosa.

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK