RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ANOSACASA

O RC Deportivo celebra o 25º aniversario do título de Liga cunha xornada festiva en ABANCA-RIAZOR

Este luns 19 de maio, o RC Deportivo conmemorou o 25º aniversario do seu histórico título de Liga cunha xornada chea de emoción e deportivismo en ABANCA-RIAZOR.

A mañá comezou coa visita dos alumnos e alumnas de 5º e 6º curso do CEIP Ramón da Sagra da Coruña. O Club quixo recoñecer a súa destacada participación no concurso 'Cantamos coas mans', organizado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), onde foron premiados co galardón do público pola súa interpretación en lingua de signos da canción '1906' de Mar de Fondo.

Durante a súa visita, os escolares percorreron as instalacións do estadio ABANCA-RIAZOR e gozaron dunha xornada inesquecible. Ademais, xa tiveran a oportunidade de presenciar o encontro entre o Deportivo e o Granada CF o pasado sábado no estadio.

Pola tarde, ABANCA-RIAZOR acolleu un evento especial para os empregados da área corporativa e deportiva do Club, así como para os seus familiares. Desde as 15:00 horas, os asistentes participaron en diversas actividades lúdicas e retos futboleiros nun ambiente distendido e familiar. A xornada culminou cun cóctel na área 1906, onde se brindou pola familia deportivista e compartíronse momentos de camaradería.

Esta celebración serviu para celebrar o 25 aniversario do título de Liga, así como para reforzar os lazos entre o Club e a súa xente.