RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACCIONISTAS

O RC Deportivo inicia o proceso de saída do concurso de acredores 

O RC Deportivo segue avanzando no seu saneamento financeiro e deu xa inicio ao proceso de saída do concurso cunha primeira fase de contacto cos acredores para acordar unha modificación do actual convenio. No caso de que o proceso teña unha maioría suficiente de acredores e se aprobe con normalidade, a previsión é poder facer efectiva a saída do concurso en maio de 2024. En paralelo, o Club incluíu na orde do día da próxima Xunta de Accionistas, que se celebrará o 19 de decembro, a proposta de petición de financiamento de até 17 millóns de euros a ABANCA, principal apoio financeiro do RC Deportivo, para poder facer efectivo o pago da débeda trala modificación do convenio, e a saída do concurso.

A proposta do Club é pagar de inmediato a totalidade da débeda dos seus acredores, tanto no referente á ordinaria como á subordinada, en canto se obteña unha resolución firme, cunha quita do 19,99%. Co actual convenio estes terían que esperar oito anos, até 2031, para cobrar no caso da débeda ordinaria e dezaseis anos máis, até 2047, no caso da subordinada.

Após esta primeira fase de contacto cos acredores, e en caso de obter o respaldo suficiente, o RC Deportivo trasladaría a proposta a sede xudicial nas próximas semanas, previamente á celebración da Xunta do 19 de decembro.

O obxectivo do RC Deportivo é saír do concurso de acredores canto antes para sanear as súas contas e tamén para mellorar as condicións deportivas no seu regreso ao fútbol profesional. En caso de ascenso, estar fóra do concurso permitiría a medio prazo afrontar unha competición profesional con menores limitacións no tope salarial e por tanto na capacidade para realizar fichaxes.