RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content

O RC Deportivo propón ao Concello prorrogar o convenio actual para o uso de ABANCA-RIAZOR

O Real Club Deportivo propón ao Concello da Coruña prorrogar o actual convenio por un período de 25 anos e renuncia aos 40 anos que recollía a súa proposta. A prórroga incorpora a cláusula de renegociación en caso de cambio de propiedade. Neste sentido, a propiedade garantiu ao club que o Dépor non está en venda e que o compromiso é a longo prazo. Anexamos ao final do texto o convenio actual para o coñecemento público. 

O Consello, a directiva do Deportivo e a xestión deportiva sabemos o que se supón xestionar un club de 120 anos de historia, por iso temos a responsabilidade profesional para tomar decisións. Viñemos traballando día a día, con esforzo e dedicación, en todos os ámbitos, desde o deportivo até o institucional e tamén en investimentos para a conservación e o mantemento do estadio ABANCA-RIAZOR, moitas delas responsabilidade do propio Concello, pero que asumimos pola cidade. O noso compromiso co club e a cidade é absoluto.

Para o club foi moi doroso non poder seguir a folla de ruta prevista co Concello por estas diferenzas non resoltas até o momento. Aínda así, o vínculo entre o equipo e a súa afección quedou patente na recente celebración do ascenso, que congregou a 80.000 coruñeses e coruñesas dentro e fóra do estadio de ABANCA-RIAZOR.

A celebración continuará tal e como estaba previsto, o 25 de maio, garantindo que todos os coruñeses poidan participar neste momento histórico que se realizará, como indica a nosa tradición, nos lugares emblemáticos para o club e a cidade: Cuatro Caminos e María Pita. Con estes fins, garantiremos as debidas condicións de orde e seguridade. 

No últimos tres anos tratamos infructuosamente de asinar un convenio sobre o uso do Estadio ABANCA-RIAZOR que é imprescindible para garantir o futuro do club no fútbol profesional. A renovación do convenio era e é necesaria para poder acometer unha serie de investimentos para as instalacións deportivas necesarias para o futuro.

O que quere o club é un estadio exclusivamente con fins deportivos, sen ningunha outra utilización que non sexa a celebración de partidos de fútbol, dos primeiros equipos ou de calquera dos seus filiais. Nas oportunidades que o estadio foi utilizado para concertos, os danos causados ás instalacións desaconsellan a súa repetición. 

O que onte non levou a cabo foi un encontro institucional. Para nós é moi doroso que as decisións pospostas polo Concello nos levaran a esta situación, pero consideramos que non había condicións para iso, ante a falta de compromiso demostrado, tanto co Real Club Deportivo, como coa súa masa social.

Desde o club entendemos que o verdadeiro deportivismo se demostra con feitos, especialmente nos momentos máis difíciles. 

Nas nosas conversacións co Concello, do mesmo xeito que co resto das institucións, móvenos un só obxectivo: levar o Deportivo todo o máis alto e garantir as mellores condicións para a nosa afección. Non nos deteremos nese esforzo e non nos deixaremos presionar.

Por iso, non deixa de sorprendernos que o noso esforzo por brindar certeza e as mellores condicións ao noso clube, aos xogadores e aos afeccionados, queira ser empañado por unha institución que desde 2022 non é patrocinadora do club.

Con todo hoxe, de maneira sorpresiva, recibimos para a firma unha versión completamente diferente por parte do Concello. Isto só mostra que están a reaccionar de forma improvisada ante unha situación que non tiveron a vontade de resolver até agora.

Confiamos en que a nosa proposta de hoxe sexa recibida positivamente polo Concello e que podamos, así, dar por resolto este asunto e comezar unha nova etapa de entendemento institucional e respectuoso, como o que mantemos co resto das institucións de Galicia, como a Xunta e a Deputación da Coruña.

Así mesmo, o Real Club Deportivo agradece a súa colaboración incondicional a ABANCA e aos patrocinadores, que demostraron a súa implicación co club e a afección en todo momento, cun soporte real e efectivo, mesmo cando outras institucións non ofrecían o seu respaldo. 

Só en termos económicos, o esforzo que acabará facendo ABANCA para que o equipo salga da quebra é de máis de 90 millóns de euros. A isto súmanse os investimentos que ten realizado e unha cantidade cercana aos 300 millóns de euros entre perdas de carteira, capitalizacións e patrocinios. 

Este compromiso mantívose firme ao longo dos anos, marcando a diferenza en momentos críticos, do mesmo xeito que o da nosa afección, á que queremos agradecer novamente o seu apoio incondicional.

Convenio actual: https://rcd.lc/convenioactual 

Proposta do Concello: https://rcd.lc/propostaconcello