O vestiario e o Club agradecen o comportamento do deportivismo no Deportivo - Mónaco
Jorge Andrade e Lionel Scaloni compareceron esta mañá ante os medios
informativos na sala de prensa de 'O Mundo do Fútbol'.
O central portugués dixo que "agora hai que estar máis unidos que nunca".
Felicitou ao deportivismo polo seu comportamento na recta final do partido de onte
mércores co Mónaco e lembrou o que vivía cun dos seus clubs
anteriores, o Estrela Amadora: "Alí se perdiamos cinco a cero tirábannos de todo.
Aquí é diferente. Sempre están connosco".
Pola súa banda, Scaloni asegura que "en sete anos que levo na Coruña
non lembro nada semellante", referíndose ao apoio recibido desde a bancada de Riazor.
O centrocampista arxentino, que acabou o partido co brazalete de capitán,
insiste en que o vestiario está "agradecido" por eses aplausos e
cánticos e lembra que "todo o equipo foise ao centro do campo para expresar
a nosa gratitude". "Eu estiven a falar con xente do Mónaco e tamén lles chamou
a atención eses berros de ánimo", apuntou a continuación. Scaloni cualificou a
despedida da liga de Campións como "triste e fodida".
Da afección deportivista tamén falou Augusto César Lendoiro, o
Presidente, na zona mixta do Estadio de Riazor, nada máis concluír o
último encontro deste ano da liga de Campións: "O deportivimo estivo hoxe á
altura das circunstancias".