RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Derrota por 0-2 do Dépor ABANCA ante o FC Barcelona en ABANCA-RIAZOR aínda que "nos dá moitísima moral para afrontar os partidos que quedan"

O Dépor ABANCA caeu por 0-2 este domingo 15 de marzo en ABANCA-RIAZOR co FC Barcelona nunha xornada con gran afluencia de afeccionados nas bancadas.

Co resultado deste partido correspondente á 22ª xornada, As Nosas quedan con 23 puntos situadas na 11ª posición da Liga F.

Fran Alonso admite que o resultado era o "esperado. Estamos a xogar ante o mellor equipo do mundo".

Confesou sentir "orgullo polas miñas xogadoras. Fixeron un esforzo descomunal. Había axudas constantes por todo o campo".

Foi baixa Millene Cabral; aínda que debutou Hildah Magaia, a dianteira internacional surafricana chegada neste mercado invernal.

Redru, Paula Novo e Lucía Rivas foron as representantes de #ANOSACANTEIRA.

Pola súa banda, o FC Barcelona chegaba á fronte da táboa con só 1 partido perdido e os demais todos gañados.

Iso si, as azulgrana viñan de empatar (0-0) en casa do FC Badalona Women no partido de ida da semifinal da Copa de la Reina.

A primeira oportunidade seria foi unha cabezada de Irene Paredes que sacou a córner Inês Pereira.

Pouco despois, Fenger márchase por velocidade da defensa deportivista pero falla no man a man, obstaculizada por Raquel e Vera.

Ao descanso chegouse sen goles, unha heroicidade para a maior parte dos equipos do mundo que se enfrontan ao FC Barcelona.

Após o paso polos vestiarios, Salma Paralluelo cabeceou un centro desde a dereita ao pau esquerdo da meta de Inês Pereira.

Co paso dos minutos a presión do Barça foi máis atafegante e chegaban os remates, á vez que as intervencións de Inês Pereira.

Fran Alonso comeza a refrescar ao equipo e dá entrada a Olaya por Bárbara.

Preguntada pola suplencia da asturiana, o adestrador do Dépor ABANCA desvelou que "tivo unhas molestias durante toda a semana. Puido adestrar os dous últimos días pero antes estivo a facer un traballo aparte. Non ía estar para 90 minutos".

Co partido atrancado, o Barça saca ao céspede de ABANCA-RIAZOR a Graham, Pajor e Alexia Putellas. "Tiveron que sacar toda a súa artillaría", apunta o preparador deportivista.

Abriu o marcador Marta aos 65 minutos cun centro frouxo desde a banda esquerda que se coa na rede sen que nin defensoras deportivistas nin atacantes culés tocasen o balón.

Claudia Pina, que relevou a Paralluelo no minuto 73, xutou desde fóra da área para que a internacional portuguesa desviase a córner nunha bonita parada.

Pouco despois, Alexia subiu o 2º ao rematar a pracer e libre de marca un disparo en semifallo de Graham. A fortuna aliouse aquí co líder da categoría.

"Notamos moito a fatiga. As axudas non chegaban. E cando non chegan as axudas ante xogadoras desa calidade é case imposible", reflexionou o técnico do Dépor ABANCA.

Co partido sentenciado, a recta final deixou o debut de Hildah Magaia. Relevou no minuto 82 a Marisa, con problemas musculares polo gran esforzo realizado.

Paula Gutiérrez tentou recortar diferenzas cun disparo desde fóra da área. O balón marchouse fóra.

O partido concluíu con este resultado no que supón para Fran Alonso "un paso cara a adiante. Competimos moi ben, coas ideas claras. A pesar do resultado dános moitísima moral para afrontar os partidos que quedan".

Dépor ABANCA: Inês Pereira, Barth, Raquel, Vera, Lucía Martínez (Marina Artero, min. 88), Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín (Paula Monteagudo, min. 88), Bárbara (Olaya, min. 62), Marisa (Hildah Magaia, min. 82) e Espe Pizarro (Lía, min. 88)

FC Barcelona: Gemma, Paredes, Sydney (Kika, min. 73), Paralluelo (Pina, min. 73), Marta, Patri, Serrajordi (Graham, min. 56), Batlle, Brugts, Fenger (Pajor, min. 56) e Carla Julià (Alexia, min. 56)

Árbitra: Melissa López Osorio, do comité estremeño. Amoestou a Sydney (min. 9), Espe Pizarro (min. 35) e Brugts (min. 90)

Goles: 0-1 Marta (min. 65); 0-2 Alexia (min. 78)

Incidencias: partido disputado en ABANCA-RIAZOR ante 4.359 espectadores