RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Os campións de España toman contacto coa pretemporada do primeiro equipo

Os brillantes campións de España de xuvenís van tomando contacto co primeiro equipo durante a pretemporada.

Se onte o meta Brais Suárez xa se adestraba ás ordes de Borja Jiménez, hoxe sumáronse catro dos futbolistas do Xuvenil A que dirixiu Óscar Gilsanz na histórica 'Final Four' de Marbella: Guille Bueno, Trilli, Noel e Yeremay. Os catro xa saben o que é adestrar cos profesionais entre semana e mesmo ir convocados a algún partido oficial.

Iván Guerrero, Juan Rodríguez e Hugo Ríos completaron hoxe xoves a representación de #ANOSACANTEIRA no primeiro equipo.

O obxectivo é seguir acumulando experiencia nesta pretemporada, na que están confirmadas as citas ante o Racing Villalbés (sábado 24 ás 19:00) e Viveiro (sábado 31 tamén ás 19:00 horas).

Esta mañá, despois dun quecemento cun torneo de fútbol tenis, o cadro realizou ademais rondos de presión e fútbol en espazo reducido con apoios; todo iso no campo 4.

Uche, Rolan e Fede Cartabia teñen permiso; e Celso Borges está concentrado coa súa selección na Copa de Ouro da CONCACAF. Os dous futbolistas con adestramento específico son Héctor e Pablo Brea. Pola súa banda, o meta Alberto, Valín, Josep Calavera e Juergen Elitim permanecen nos seus respectivos domicilios con traballo individualizado ata que ditaminen os Servizos Médicos.

Mañá venres 16 de xullo hai dobre quenda de adestramento: 10:30 e 19:00 horas.