Os "Días Dé" en ABANCA-RIAZOR recoñecen aos socios que viaxan a cada partido no Estadio desde fóra da área metropolitana
O RC Deportivo continuará o vindeiro domingo 10 de setembro, no segundo partido de Liga en ABANCA-RIAZOR, fronte ao CD Teruel (19:30 horas), coa iniciativa "O Día Dé", coa que abre o Palco de Honra do Estadio á afección e á cidadanía. Este segundo encontro será "O Día Dé o Deportivismo Viaxeiro", en recoñecemento aos abonados e abonadas branquiazuis de máis alá da área metropolitana coruñesa.
O Club quere deste xeito render homenaxe aos moitos socios e socias que cada vez que o equipo xoga en ABANCA-RIAZOR ten que percorrer quilómetros e investir horas en desprazarse ao Estadio e regresar ao seu fogar.
Deste xeito, 30 socios e socias de todos os recunchos de Galicia e comunidades próximas, con dereito a acompañante e primando a antigüidade, ocuparán 60 prazas do palco principal do recinto, a localidade máis exclusiva e con mellor visibilidade de ABANCA-RIAZOR.
En cada partido en ABANCA-RIAZOR esta temporada, máis da metade das localidades do Palco de Honra estarán dedicadas a un colectivo da cidadanía ou a un sector da afección, para facer a entidade máis próxima e dar protagonismo á masa social deportivista e agradecer o seu excepcional apoio unha temporada máis.