RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Os xogadores coinciden en afirmar que o gol do empate fixo xustiza ao partido

O capitán Dani Giménez; e os canarios David Simón e Vicente Gómez pasáronse pola zona mixta do Estadio Gran Canaria.

O meta galego non cre que "Las Palmas fixese moito máis como para gañar o partido".

Opina que no partido "entre dous 'cocos' da categoría" houbo "moito respecto. Por individualidades das Palmas e por empuxe noso ao final conseguimos empatar".

Sostén Dani Giménez que "na primeira parte faltounos dar un paso adiante. Na segunda, co seu gol cámbianche os esquemas. Quizais tiramos máis de corazón que de cabeza. Partido entre dous rivais da zona alta, con moito respecto e un puntiño que nos levamos para casa, que visto como foi o partido non é malo".

Pola súa banda, David Simón, que recibiu 3 puntos de sutura debaixo do seu ollo esquerdo, confesa que "estaba ao principio un pouco mareado porque foi unha boa cotenada. Ao final daranme puntos pero estou ben".

Apunta que o partido "foi especial despois de estar moitos anos aquí. Foi igualado. Na segunda parte despois do gol deles fómonos arriba e tiveron algunha contra. Nós tivemos moitas chegadas e o empate foi xusto".

Di David Simón que sabe "ben" marcar na última xogada do partido. "Insistimos con chegadas, tentándoo até o último segundo. Este ano algunha vez pasounos ao contrario. Agora tócanos a nós. Hai que insistir sempre até o final", engade.

Finalmente Vicente Gómez contou así as súas sensacións ao regresar ao Estadio Gran Canaria por primeira vez na súa vida como visitante: "Rarísimo, moi raro todo. Cambiarme aquí (en referencia ao vestiario do Dépor), ir ao outro campo a quentar. No primeiro minuto saíronme un par de xogadas ben e centreime en xogar. Fixen un bo partido e contento porque o equipo puntuou nun campo que sabemos que poucos van puntuar".

Do partido, recalca que "cando mellor estaban un equipo e outro viñeron goles ao revés". O empate, para o centrocampista branquiazul,  "é un premio á insistencia nosa. Sobre todo na primeira parte insistimos moito en tentar meter gol".

Márchase Vicente da que foi a súa casa "moi contento porque sabemos que é un campo moi difícil, moi complicado. Se somos capaces de gañar en casa ao Oviedo imos facer bo este punto. Deixamos un rival directo un pouco máis atrás".

Iso si, lembra que, "aínda que a todos gustaríanos estar arriba, é anecdótico. Isto vai ser moi longo. Está todo nun pano. Hai que tentar chegar con opcións de ascenso directo ao tramo final e aí ver se somos capaces de marcar a diferenza co equipo que temos. Estamos a falar de maio, xuño. Hai que ir día a día, ir colocándonos ben, seguir coas boas sensacións e ver onde nos vai situando a competición".