RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Óscar Gilsanz pensa sobre Yeremay que "é unha boa noticia o compromiso dos xogadores, saber que hai un proxecto, crese nel e os xogadores son os primeiros que cren nese proxecto"

Óscar Gilsanz manifestou na sala de prensa de Abegondo sobre a continuidade de Yeremay que é "moi boa noticia non só para o adestrador senón para o deportivismo". "É unha boa noticia saber o compromiso dos xogadores, saber que hai un proxecto, crese nel e que os xogadores son os primeiros que cren nese proxecto", engade.

Pensa que o partido de mañá sábado 25 de xaneiro ás 18:30 en ABANCA-RIAZOR ante Levante UD (LaLiga TV Hypermotion, M+ e Fútbol 2) "é o único que nos debe de preocupar a todos".

O técnico deportivista comenta que a intención do grupo é "ser fortes en ABANCA-RIAZOR. Queremos devolver a #ANOSAFORZA todo o agarimo, todo o apoio que nos dá sempre que xogamos en ABANCA-RIAZOR ou que se despraza cando xogamos como visitantes. Mañá é un día moi importante para nós".

Advirte que o Levante UD "vén nunha moi boa dinámica. Desde que se enfrontou a nós a finais de outubro só perdeu un partido. Vén nunha dinámica ascendente, achegouse aos postos de ascenso directo e é un auténtico equipazo; co cal necesitamos toda a atención. Cando digo toda a atención é toda a atención no partido".

Insiste en que os granotas forman "un equipo moi completo. Ademais de ter grandísimos xogadores, de vir traballando cun bloque máis ou menos definido, ten un grandísimo adestrador que lle dá moitas armas ao equipo".

Explica que o Levante UD "é capaz de atacarche a través da pelota, con moita xente entre liñas, cos laterais moi altos, con xente con calidade para buscar ese último pase cando hai pouquiño espazo. E tamén é un equipo capaz de contraatacar, de atacar espazos, co cal nunca che deixa estar tranquilo independentemente da altura á que poidas defender. Necesitamos toda a atención no partido, no que nós podamos facer, sabendo das condicións do rival, sabendo de que vén nunha boa dinámica. Tamén nós estamos nunha boa dinámica de traballo, unha boa dinámica en canto á capacidade para competir".

Óscar Gilsanz fala de "competir en todos os escenarios. O outro día fixémolo en Burgos, mañá temos en ABANCA-RIAZOR outra oportunidade de demostrar que a través desa capacidade para competir ser cada día mellores, enfrontarnos aos mellores equipos da categoría, ser capaces de facerlles fronte, gañar duelos e competir de ti a ti. Iso é o que buscamos e o que queremos mostrar á #ANOSAFORZA. Sería moi importante para nós devolver á afección todo ese apoio que nos dá sobre todo cando xogamos en ABANCA-RIAZOR. Toda a nosa enerxía debe ir encamiñada a iso".

Finalmente, e despois de pasar polo Xuvenil A campión de España e polo Fabril co ascenso a Segunda Federación, o agora preparador do primeiro equipo opina que "estamos nunha situación boa agora mesmo en canto ao proxecto de canteira. Hai xogadores estabilizados no equipo; outros que están a chegar; outros que posiblemente estean un pouquiño máis lonxe porque son máis novos; outros que tiveron algunha lesión que lle impediu progresar..."