RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Pablo Vázquez adestrouse hoxe co grupo e entrou na lista de convocados para o partido en Tarazona

Pablo Vázquez completou esta mañá a sesión de traballo e entrou na lista de convocados para medirse este sábado 18 de novembro ás 16:00 (FEF TV) á SD Tarazona.

O defensor branquiazul estivo toda a semana con adestramento personalizado supervisado polo readaptador Álex Canosa.

En rolda de prensa este mediodía, Imanol Idiakez explica que "tiña unha sobrecarga. Hoxe adestrou e se non hai problema mañá, que non cremos, está dispoñible".

Son baixa para o partido os lesionados Yeremay, Ximo Navarro, Pablo Muñoz, Barbero e o canteirán Mella; ademais de Jose Ángel, sancionado por acumulación de amarelas: "É verdade que é unha baixa importante porque é un xogador que está a ser importante para nós, nunha posición moi específica. Estamos a buscar a mellor opción para o partido".
 
Así mesmo, explica que Yeremay e Mella "están a traballar moito con Canosa, cos fisios, cos doutores... Pouquiño a pouco van mellorando. Teño algunha esperanza para a semana que vén pero non o quero dicir moi alto porque levo semanas así e non chega a boa noticia. Por lóxica e por traballo cada día están máis preto. David vai nos prazos e Yeremay, máis que mental, moléstalle. Cando che molesta, moléstache. Creo que vai mellor, traballando pouquiño a pouco para que esa molestia no golpeo remita. Todos coas ganas de velos".

Por contra, Martín Ochoa, Jairo, Rubén e Marc serán os representantes de #ANOSACANTEIRA na lista de 21 futbolistas.

Preguntado por Jairo e Rubén, o técnico deportivista apunta que "son dous xogadores diferentes. Os dous poden xogar en posicións parecidas. Están nun momento da súa carreira en que temos que situalos porque no Fabril moitas veces Jairo xoga por diante de Rubén, con Brais Val por detrás ou con Barba... Son xente nova que está nesa fase de formación e nós ver un pouco onde poden realmente sacar partido ás súas calidades. Teñen un bo futuro connosco se seguen traballando como o fan. Eu tamén teño esa curiosidade por saber onde se van a asentar". 

Os Nosos adestráronse hoxe por última vez na Coruña antes do partido porque a sesión de mañá venres será ás 19:00 en Tudela, cuartel xeral do equipo deportivista: "Mañá viaxamos, comemos polo camiño. Logo descansamos un intre e imos adestrar. Agradecer ao CD Tudelano por todas as facilidades que nos deu para poder adestrar alí porque a viaxe non nos permitía adestrar aquí antes de saír", aclarou Imanol Idiakez.

Esta mañá, tamén co fabrilista Mati Castillo, o corpo técnico dispuxo após unha activación nun dos campos de fútbol 8 dun exercicio táctico con finalizacións.