RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSAHISTORIA

Pampols, porteiro do Dépor entre 1961 e 1965, faleceu aos 87 anos

Rogelio Pampols Morer (Almacelles, Lleida, 6 de maio de 1936), porteiro deportivista na primeira metade da década dos 60, faleceu o pasado venres en Barcelona aos 87 anos de idade.

Pampols chegou ao Deportivo procedente do Real Zaragoza ao comezo da temporada 1961-62, campaña de grato recordo porque finalizou co regreso a Primeira División despois dun lustro na categoría de prata. O seu debut produciuse o 24 de setembro de 1961 en Balaídos ante o RC Celta de Vigo (1-1) en encontro da 4ª xornada de Segunda División.

- Pampols, primeiro de pé pola dereita, na formación do Deportivo que o 1 de abril de 1962 enfrontouse ao Plus Ultra en Riazor co ascenso a Primeira xa no peto -

O gardameta ilerdense permaneceu nas filas branquiazuis tres campañas máis, no que foi o inicio do "Deportivo ascensor". Pampols experimentou nas súas catro temporadas na Coruña dous ascensos a Primeira e outros tantos descensos a Segunda. A súa última actuación foi o 29 de marzo de 1964, en partido da 27ª xornada de Segunda División en campo do CD Ourense, que se impuxo por 2-0.

En total, Pampols xogou 42 partidos co Deportivo, nos que encaixou 45 goles. Xogou 37 encontros en Segunda, 4 en Copa e unicamente 1 en Primeira, xa que nas súas dúas campañas na máxima categoría topouse coa cesión do madridista Antonio Betancort primeiro e coa fichaxe de Benegas despois. Con todo, foi o porteiro máis utilizado nos ascensos de 1962 e 1964.

O RC Deportivo quere mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos e excompañeros e compartir a súa dor con todo o deportivismo. DEP.