RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Proba de lume para o Dépor ABANCA mañá en Avilés ante a potente Real Sociedad

O Deportivo ABANCA ten mañá mércores 18 de agosto un duro test de pretemporada. Será no Estadio Román Suárez Puerta de Avilés fronte á potente Real Sociedad, quinta clasificada a pasada campaña na Primera Iberdrola, só superada polo FC Barcelona, Real Madrid, Levante UD e Atlético de Madrid.

As donostiarras acaban de derrotar ao Real Madrid (2-0) na gran final do Torneo Leche Gaza disputado na localidade leonesa de Puente Castro. Anteriormente, en semifinais, impuxéronse (2-1) ao Madrid CFF.

O choque de mañá tamén será o terceiro do verán para as branquiazuis, e servirá para o reencontro de dúas ex deportivistas como Nuria Rábano e Iris Arnaiz coas súas antigas compañeiras, aínda que poucas integrantes do vestiario deportivista coincidiron coas agora realistas.

Un empate (0-0) ante o Valadares Gaia FC no Trofeo Teresa Herrera e un triunfo (0-1) fronte ao Viajes InterRías FF son até agora o balance do equipo dirixido por Miguel Llorente neste verán.

As sensacións son aínda mellores, en dous partidos nos que o balón foi nunha alta porcentaxe branquiazul. Faltou unicamente claridade e quizais fortuna na definición.

Para o partido de mañá causan baixa por lesión Laura Fernández e Ainhoa Marín. A convocatoria está formada por estas xogadoras: María Sampalo, Andrea Sierra, Inés Altamira, Paula Gutiérrez, Eva Dios, Alba Merino, Jone Ibáñez 'Ibi', María Ruiz, Ana Valles, Patri López, Raquel García, Goretti Neira, Alejandra Serrano 'Ale' e Cris Martínez; ademais destas futbolistas do Deportivo ABANCA B: Tati, Carlota Sánchez, Aroa Guerra, Paula Monteagudo e María Figueroa.

Finalizado o encontro en Avilés, o Dépor ABANCA volverá adestrar o xoves 19 de agosto ás 10:30 en Abegondo.