RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content

RC Deportivo e Cruz Vermella asinan un convenio de colaboración

  O Real Club Deportivo e Cruz Vermella asinaron un convenio de colaboración para a realización dos servizos preventivos de risco sanitario durante os partidos que dispute o primeiro equipo en Riazor e o Fabril en Abegondo.

“Este convenio é a plasmación dunha relación histórica entre dúas entidades con gran implantación social na cidade. Non entendemos a celebración de actos multitudinarios do Deportivo sen a presenza e o inestimable apoio de Cruz Vermella neles e por iso expuxemos este proxecto”, comentou Tino Fernández, presidente do RC Deportivo.
 
Na firma do convenio tamén participaron Martín Pita, conselleiro da área social do Club, Carmen Colmeiro, presidenta de Cruz Vermella en Galicia, e a súa homóloga na provincia da Coruña, Mercedes Casanova Díaz. 
 
Colmeiro agradeceu o compromiso do Club en materia de prevención afirmou que este convenio supón un importante paso adiante para coordinar o traballo entre ambas as organizacións. A presidenta autonómica lembrou que “sempre é mellor previr que curar e por iso facilitamos por diferentes canles información de seguridade, pero iso non evita todos os riscos e cando se producen accidentes é importante ter un plan de actuación moi ben definido”. 
 
O actual convenio establece un marco para a contratación do servizo preventivo durante a tempada 2015-2016. Segundo este, nos partidos que se disputen en Riazor, Cruz Vermella porá a disposición do Club un mínimo de dúas ambulancias de soporte vital básico e persoal sanitario distribuído en postos ao longo do estadio, así como na cidade deportiva de Abegondo, onde se disporá dunha ambulancia e persoal sanitario nos encontros do Fabril. Pola súa banda, o Club comprométese a apoiar diferentes campañas ou iniciativas en favor da entidade social.
 
Á marxe deste convenio, ambas as entidades colaboran desde hai anos na organización de servizos preventivos, ademais doutras actividades, tales como o apoio dos xogadores do equipo ao Sorteo de Ouro de Cruz Vermella, a formación en primeiros auxilios das categorías inferiores, a cesión de espazos de difusión ou, máis recentemente, a formación ao persoal do Club para a utilización dos 10 desfibriladores DESA dispoñibles no Estadio de Riazor e a cidade deportiva de Abegondo.