Hoxe domingo 17 de marzo a quenda en #ANOSACANTEIRA é para os dous filiais.
O Fabril recibe en Abegondo ás 17:00 (Youtube RC Deportivo) á RS Gimnástica de Torrelavega, un rival directo na clasificación do grupo 1º de Segunda Federación.
No filial os protagonistas da semana foron Kevin Sánchez, Diego Gómez e Martín Ochoa. O primeiro está convocado, do mesmo xeito que David Mella, pola selección española sub-19 para o Mini Torneo Fase Elite que terá lugar en Eslovenia do 17 ao 27 deste mes de marzo.
O atacante fabrilista viaxará a Madrid após o partido, antes de desprazarse con todo o equipo o luns ao citado país centroeuropeo.
Os rivais de España no torneo son Eslovenia, Kósovo e Austria.
Pola súa banda, Diego Gómez e Martín Ochoa prolongaron a súa vinculación ao Dépor até xuño de 2028. Estas renovacións súmanse ás asinadas nos últimos meses por Mella, Dani Barcia, Brais Suárez e Iano (2026), Yeremay (2026 e un ano máis automático en caso de ascenso a Segunda esta temporada ou a próxima), Kevin e Rubén López (2028), nunha clara mostra da confianza do Club no bo traballo realizado na Cidade Deportiva.
"O camiño que segue o Club é asegurarse a continuidade dos xogadores máis novos. E nese sentido todos estamos contentos de que o camiño sexa ese", manifestou Óscar Gilsanz en rolda de prensa.
O filial poderá contar con Rubén López, que non xogou co Dépor ante a CE Sabadell FC en ABANCA-RIAZOR.
Está activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes de Abegondo para o partido.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir aos partidos, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.
A xestión pode realizarse até completar o aforamento.
Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
Pola súa banda, o Deportivo ABANCA B enfróntase en Mareo (16:00) a outro filial, o Sporting de Gijón B.
No vestiario deportivista é baixa Elena Vázquez, concentrada coa selección española sub-17 para disputar a Rolda 2 de clasificación para o Campionato de Europa da categoría.
Óscar Orro citou a estas xogadoras: Martina Rivas, Nuria Gómez, María Calvo, Lucía Mariño, Uxía López, Sara Cercido, Laura Testa, Macarena González, Paula Monteagudo, Carmen Carballada, Laura Otero, Michi Apóstol, Noela, Lucía Rivas e Elena López 'Cusi'; ademais de Noelia Mayo e Laura Santos, xuvenís do Orzán SD.
Tamén na xornada dominical, o Xuvenil A, en loita polo título da División de Honra, non pode fallar ás 12:30 en Santander ante o Bansander.
No Monte, o San Tirso SD Infantil mídese ao Victoria CF (12:00) na División de Honra; e o Alevín branquiazul ao San Tirso SD (10:15) no Trofeo Conservas Calvo de fútbol 11.
Os partidos dos 'orzanes' o domingo ás 18:00 na Torre, o Orzán SD Xuvenil Femenino ante o Sporting Cambre e o Orzán SD B sub-16 Femenino fronte ao SDC San Roque, pon o punto e final ao fin de semana.
Onte sábado tiveron cita oficial un total de 9 equipos.
En casa xogaron o San Tirso SD Cadete ante o Arosa SC (1-1 no Monte) e o Orzán SD Infantil B Femenino ante o Victoria FC (0-2 na Torre).
Fóra gañaron tres líderes: o Xuvenil B de Liga Nacional ao Bergantiños CF (0-4), o Infantil de División de Honra ao Pabellón Ourense CF (0-2) e o Orzán SD Cadete Femenino de Liga Galega ao SCD Pastoriza (0-7).
Así mesmo, os dous equipos alevíns e os dous benxamíns arrincaron a Fase polo Título da Primera A Coruña de fútbol 8.
O formato de competición é de liga todos contra todos a dobre volta. Ao concluír, os 3 primeiros accederán á Fase Intermedia do Campionato Galego.
No Alevín A, Enzo Bértoa, Hugo Macedo, Nacho Villanueva e Iván Gil participaron o pasado mércores coa selección galega sub-12 nun amigable ante o RC Celta de categoría infantil no campo da Madroa (Vigo).
Finalmente, toca descanso para o Orzán SD Infantil A Femenino posto que na Liga Galega tócalle enfrontarse ao Sofán SD, equipo retirado da competición.
O calendario de partidos de #ANOSACANTEIRA abriuno o venres o Cadete, que venceu (1-0) pola mínima en Abegondo ao CD Lugo que dirixe o ex deportivista Diego Seoane.
Os branquiazuis lideran a División de Honra con 70 puntos.
O calendario de partidos, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:
Categoría feminina
Tercera Federación FutFem, 23ª xornada: SPORTING DE GIJÓN B - DEPORTIVO ABANCA B, hoxe domingo 17 de marzo ás 16:00 en Mareo (campo 3)
Primera Autonómica, 22ª xornada: ORZÁN SD XUVENIL FEMENINO - SPORTING CAMBRE, hoxe domingo 17 de marzo ás 18:00 na Torre (campo 2)
Segunda Autonómica, subgrupo 1º, 22ª xornada: ORZÁN SD B SUB-16 FEMENINO - SDC SAN ROQUE, hoxe domingo 17 de marzo ás 18:00 na Torre (campo 1)
Liga Galega cadete, subgrupo 1º, 22ª xornada: SCD PASTORIZA 0 - ORZÁN SD CADETE FEMENINO 7 (Marta Moreno -2-, Daniela Macedo -2-, Alexia Freire, Sofía Milhem e Sofía Rodríguez)
Liga Galega infantil, subgrupo 1º, 22ª xornada: ORZÁN SD INFANTIL B FEMENINO 0 - VICTORIA FC 2
Segunda Federación
27ª xornada: FABRIL - RS GIMNÁSTICA DE TORRELAVEGA, hoxe domingo 17 de marzo ás 17:00 en Abegondo
Categoría xuvenil
División de Honra, 24ª xornada: BANSANDER - XUVENIL A, hoxe domingo 17 de marzo ás 12:30 no campo de Monte (Santander)
Liga Nacional, 26ª xornada: BERGANTIÑOS CF 0 - XUVENIL B 4 (Lucas -2-, Nico Ruiz e Daniel)
Categoría cadete
División de Honra, 24ª xornada: CADETE 1 (Diego) - CD LUGO 0
División de Honra, 24ª xornada: SAN TIRSO SD CADETE 1 (Gael) - AROSA SC 1
Categoría infantil
Amigable (onte mércores): INFANTIL A 3 (Picallo, Álvaro e Nikolay) - SAN TIRSO B (cadete) 1
División de Honra, 22ª xornada: PABELLÓN OURENSE CF 0 - INFANTIL 2 (Raúl -2-)
División de Honra, 22ª xornada: SAN TIRSO SD INFANTIL - VICTORIA CF, hoxe domingo 17 de marzo ás 12:00 no Monte
Categoría alevín
Trofeo Conservas Calvo de fútbol 11, subgrupo norte, 4ª xornada: SAN TIRSO SD - ALEVÍN, hoxe domingo 17 de marzo ás 10:15 no Monte
Fase polo Título da Primera A Coruña de fútbol 8, 1ª xornada: ALEVÍN A 15 (Nacho Villanueva -5-, David Gómez -4-, Rui Caamaño -3-, Álvaro Gómez -2- e Hugo Macedo) - ED LUÍS CALVO SANZ 2
Fase polo Título da Primera A Coruña de fútbol 8, 1ª xornada: SADA CF A 4 - FABRIL FC ALEVÍN 2
Categoría benxamín
Fase polo Título da Primera A Coruña de fútbol 8, 1ª xornada: UD CARRAL 0 - BENXAMÍN A 7 (Alberto Novo -3-, Mateo Songo'o, Álex Casado, Antón Fernández e Diego Castelo)
Fase polo Título da Primera A Coruña de fútbol 8, 1ª xornada: FABRIL FC BENXAMÍN 1 (César Leira) - ED LUÍS CALVO SANZ 0