Unha vez decidida a suspensión do Deportivo-Betis que debía celebrarse hoxe no estadio de Riazor, o presidente do Real Club Deportivo, Tino Fernández, compareceu ante os medios para analizar unha madrugada e mañá movidas polas desfeitas que o temporal está a causar na cuberta do municipal coruñés. "É unha decisión complicada porque causa moitos trastornos pero púxose por diante a seguridade das persoas, pensamos que é a mellor decisión. Aquí hai un tema dobre, o forte temporal combinado co mal estado da instalación no referente a cubertas. É arriscado que se xogue sen poder intervir durante o día nas cubertas porque para poder xogar teñen que subir operarios a eliminar os riscos e mentres hai alerta eses traballos non se poden realizar".
Analizando a situación no medio prazo, Tino Fernández cre que: "hai unha obra 'para saír do paso', arranxar o que se rompeu, que hai que facer. Pero a gran actuación é abordar un proxecto que temos o máximo interese en que se afronte canto antes e coa maior celeridade posible. Hai unha cuberta en mal estado e unha estrutura que tamén. Estamos ante a peor cuberta do fútbol español. Houbo un proxecto que se cancelou e o que ten que suceder é que se active un novo canto antes. Isto é Galicia e A Coruña, aquí aparece sempre o temporal e é importante ter unha instalación adecuada ao que aquí queremos facer".
A pesar desa petición pública, o presidente do Deportivo é consciente de que "con carácter xeral os prazos na administración pública son longos polo que aquí haberá que recorrer aos procedementos de urxencia porque isto hai que tratar de instrumentalo coa máxima axilidade posible. O paso do tempo non axuda. O estado da cuberta non é opinable. Como presidente do Deportivo e como coruñés lamento que sexamos protagonistas por isto. O Concello está igual de amolado que estamos nós. Este non é momento de buscar culpables senón de tomarnos en serio o que temos que facer cunha formulación clara e urxente. Xa vivimos algo parecido en segunda división nun partido contra o Sporting. A partir dese momento reparouse e lanzouse un procedemento para facer unha cuberta nova. Perdemos 3 anos, imos pedir e aspirar que non perdamos máis. Se se anulou un proxecto, en paralelo tíñase que iniciar o seguinte. E o certo é que todo iso non pasou", concluíu.




