
Toché volve premiar cos seus goles o esforzo do Dépor
- Foto: Santiago Lópeixe - Un gol de Toché no minuto 85 significó o tres puntos do Deportivo ante o Hércules (3-2), nun emocionante partido que enloqueció na segunda metade. Con este resultado, o Dépor suma 49
Despois de xogar case unha hora con defensa de tres centrais o pasado domingo en Alcorcón, o Deportivo arrincou o encontro ante o Hércules con dous centrais.
Con Marchena sancionado, Lopo e Insua formaron no centro da zaga; con Manuel Pablo (Laure está lesionado) e Luisinho nos laterais. Na portaría, Fernando Vázquez decidiu que fose Lux a meta titular, xa recuperado do seu xeonllo.
A sorpresa veu na parte ofensiva. Juan Carlos entrou no once. Desta forma, a segunda liña estaba formada polo coruñés, Rabello e Salomao.
O Dépor golpeou pronto. Aos dous minutos, Juan Carlos conecta con Toché ao espazo e, este, dentro da área, bate a Falcón.
Pouco despois, Salomao, tocado por detrás por un rival, lesiónase no seu xeonllo dereito. Mañá luns será sometido a probas médicas complementarias. Sissoko, que retornaba á convocatoria tras quedar fóra en Alcorcón, entrou no seu lugar.
Juan Carlos logrou o segundo gol tras recibir entre liñas de Rabello ás costas dos centrais herculanos. Resolveu ben o coruñés o man a man con Falcón.
A partir de aí o Deportivo deu un paso atrás e deixou campo ao Hércules, que no entanto apenas logrou crear perigo.
Ao descanso chegouse cun 2-0 no marcador.
O partido cambiou de rumbo na segunda metade. Portillo achegou ao Hércules no marcador ao bater a Lux de forte disparo raso desde moi lonxe.
Vázquez atrasa a posición de Alex, saca a Wilk por Juan Carlos, cunha contusión na cadeira, e sitúa de novo defensa de tres centrais. Pouco despois, co Dépor noqueado, Luisinho é rigorosamente expulsado por manter un intercambio de impresións co xuíz de liña. O deportivista protestou unha clara falta que sufriu por un atacante rival cando protexía o balón na raia de fondo.
O Sissoko do Hércules empatou o partido con xustiza, pois os alacantinos superaron ao Deportivo neste tramo de partido. Lux salvou nun par de ocasións ao seu equipo e Azkorra, na raia de gol, evitou sen querer o 2-3 a tiro de socato do seu compañeiro Portillo.
O Dépor colleu aire e preparouse para lanzar a súa última estocada. Riazor en pleno solicitou penalti por man dun defensor do Hércules ao rexeitar na área un disparo desde a frontal de Sissoko.
Pero a última foi para Toché, que non fallou. Seoane chega ata a raia de gol e mete un bo centro á cabeza do dianteiro murciano, que bate a Falcón. Corría o minuto 85.
Ao final, 3-2 e delirio deportivista en Riazor.
Deportivo: Lux; Manuel Pablo, Lopo, Insua, Luisinho; Álex Bergantiños, Juan Domínguez; Juan Carlos (Wilk, min. 59), Salomao (Sissoko, m.8, Seoane, min. 68), Rabello; e Toché.
Hércules: Falcón; Juanma Ortiz, Pamarot, Echaide (Héctor Font, m. 88), Pena; Héctor Yuste, A. Sissoko; Ferreiro (Sugi, min. 78), De Lucas, Assulin (Portillo, m. 46); e Azkorra.
Árbitro: Figueroa Vázquez, do colexio andaluz. Expulsou con vermella directa ao deportivista Luisinho (minuto 63). Mostrou amarela a Manuel Pablo e Rabello, por parte do Deportivo.
Goles: 1-0, m. 3: Toché; 2-0, m. 19: Juan Carlos; 2-1, m. 51: Portillo; 2-2, m. 69: Sissoko; 3-2, m. 85: Toché.
Incidencias: No descanso do partido, o Hércules de Alacante C.F. homenaxeou ao que fose o seu adestrador durante catro tempadas, Arsenio Igrexas nun Riazor con 15.672 afeccionados.



