O Dépor gañou 1-0 esta tarde ao Racing de Ferrol na Malata cun gol, do mesmo xeito que na primeira volta en ABANCA-RIAZOR, obra de Yeremay.
Óscar Gilsanz, en rolda de prensa, cualificou o triunfo como "moi sufrido".
Este resultado deixa a Os Nosos con 45 puntos na 11ª posición á espera que se complete o resto da xornada.
Foron baixa o lesionados Escudero, Jaime, Gauto, Obrador e Ximo Navarro, este en repouso deportivo.
Óscar Gilsanz deu entrada a Tošić, que se estreaba no once inicial, por Obrador no lateral esquerdo mentres que Petxarroman ocupou o carril destro. Dani Barcia foi o central zurdo en detrimento de Pablo Martínez respecto ao encontro ante o FC Cartagena en ABANCA-RIAZOR.
Empezou o Dépor co balón no seu poder e tardou pouco máis de 2 minutos en xutar a porta. Yeremay recibe de Mario Soriano e o seu disparo na área márchase fóra por pouco. Eddahchouri non chega por milímetros no segundo pau.
Respondeu Naim cun disparo desviado desde a frontal da área nunha transición rápida ferrolá.
O guión inicial estaba claro. O Racing optou por esperar acazapado unha contra e cedeu o balón ao Dépor.
Adiantouse o conxunto branquiazul, hoxe de amarelo co equipamento 'A DÉ Brasil', aos 17 minutos. Ao cabo o gol da vitoria. Nunha perda de balón ferrolá no medio campo o balón chégalle a Villares, que mete un gran pase a Yeremay. O canario, só ante Yoel, non perdoa.
"O partido foi noso até o gol. Tivemos o control, desactivamos a presión do Racing, fomos capaces de ter o control do balón, ter a situación controlada", resumiu o técnico deportivista.
O tanto do Dépor cambiou o rumbo do partido.
O preparador deportivista admite que "nos faltou un pouco de tranquilidade. O Racing dá un paso adiante e, cos seus extremos é capaz de afundirnos e cos seus centros laterais non xerar ocasiones pero si achegamentos nos que estivemos máis incómodos".
Á media hora, Yeremay volveu probar desde a frontal, esta vez ás mans de Yoel.
De novo Naim probou fortuna desde moi lonxe ao aproveitar unha mala saída do Dépor. O balón foise rozando o pau esquerdo da meta deportivista.
A mellor ocasión do Racing na primeira metade foi un remate de Heber cruzado ao que non pode chegar Naim no segundo pau.
A última oportunidade do primeiro tempo tamén foi racinguista. Manzanara xutou desviado na área deportivista.
Así se chegou ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, empezou mandón o Racing.
Óscar Gilsanz confesou que "no descanso falamos de que había que recuperar ese control, ter o balón, dar un paso adiante na presión pero o xogo directo do Racing facía que o segundo balón disputásese no noso campo. E aí eles estiveron moi atinados".
Brais, aos 47 minutos, obrigou a Helton Leite a realizar unha boa parada.
O primeiro remate do Dépor foi para Eddahchouri, que a centro de Mella cabeceou fóra.
Empuxaban os 'verdes' en busca da igualada.
Castro, que pouco antes viu unha amarela por unha entrada a Mella, cabeceou un saque de esquina que Helton Leite sacou nunha gran parada.
Óscar Gilsanz move pezas aos 70 minutos. Barbero e Mfulu relevan a Eddahchouri e Jose Ángel.
De novo Yeremay leva o perigo á meta do Racing. Rodeado de defensas, o seu disparo acaba nas mans de Yoel.
O colexiado do encontro anulou un gol ao Dépor nun saque de esquina que Yoel introduciu na súa propia portería.
Pablo Vázquez, na zona mixta, desvelou que "o árbitro dixo que pitara un bloqueo a Puric".
Nin sequera houbo revisión no VAR.
Os últimos minutos foron de certo abafo sobre a meta de Helton Leite.
Raúl Blanco, entrando de fóra a dentro, tivo o última pero o seu chute márchase demasiado alto.
"Defendemos ben os centros laterais salvo ese córner que para Helton. Sufrimos nun partido que non podiamos gañar sen sufrir", concluíu o adestrador do Dépor.
Racing de Ferrol: Yoel, Naim (Nacho, min. 72), Puric, Álvaro Sanz (Jauregui, min. 72), Heber (Raúl Blanco, min. 65), Señé, Castro, Manzanara (Insua, min. 83), Brais (Gelardo, min. 83), Álvaro e Aitor Buñuel
Deportivo: Helton Leite, Petxarroman, Pablo Vázquez, Dani Barcia, Tošić, José Ángel (Mfulu, min. 70), Villares, Mario Soriano (Hugo Rama, min. 85), Mella (Diego Gómez, min. 85), Yeremay (Pablo Martínez, min. 89) e Eddahchouri (Barbero, min. 70)
Árbitro: González Esteban do comité vasco. Amoestou a Castro (min. 59), Petxarroman (min. 63), Jauregui (min. 73), Puric (min. 80) e Aitor Buñuel (min. 87). Expulsou ao técnico deportivista Alberto Casal despois dunha clara falta a un futbolista branquiazul.
Gol: 0-1 Yeremay (min. 17)
Incidencias: partido correspondente á 33ª xornada de LaLiga Hypermotion disputado na Malata. Os titulares do Dépor saltaron ao céspede cunha camiseta de apoio a Ximo Navarro, lesionado a pasada fin de semana ante o FC Cartagena, coa lenda 'Forza Ximo 23'; e o himno galego soou cos dous equipos formados