Os deportivistas poderán adquirir a camiseta retro presentada a semana pasada na DéporTienda de ABANCA-RIAZOR desde este sábado 28 de marzo ás 10:00 e até final de existencias.
Así mesmo, e ante a gran acollida da peza branquiazul, o RC Deportivo e Kappa tamén pon á venda máis unidades da camiseta retro online nesta ligazón até o domingo 29 de marzo ás 23:59, que chegarán en xuño após o período de fabricación.
O equipo xogará con este equipamento na primeira Xornada Retro que organiza LaLiga na 35ª xornada, con motivo da visita á SD Huesca.
A camiseta recupera un dos deseños máis representativos de finais dos anos 80.
Durante esa década consolidouse a estética de franxas azuis e brancas estreitas, recuperadas após a temporada do descenso a Tercera, e apareceron as primeiras marcas de roupa que vestiron ao equipo, como Austral, Gilcor ou Rafrey.
Tamén chegou o primeiro patrocinador da camiseta, Hotel Rías Altas, na temporada 1985-86.
O deseño que inspira esta peza estreouse na temporada 1987-88, coincidindo coa firma dun novo patrocinador técnico (Rafrey) e cunha campaña crave na que o RC Deportivo logrou a permanencia para evitar o descenso a Segunda B grazas ao gol de Vicente Celeiro, na última xornada, fronte ao Racing de Santander.
Aquela camiseta (manga curta, fondo branco e liñas finas verticais azuis) volvería verse sobre o céspede na temporada 1988-89 utilizada como segundo equipamento.
O RC Deportivo rescata esta camiseta histórica para revivir a estética e o carácter dunha época importante na súa evolución, previa a unha época gloriosa onde se conquistaron 6 dos 7 títulos oficiais do Club.
