RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Último adestramento en Abegondo antes de viaxar este sábado a Zaragoza con futbolistas con molestias pero "con ganas e a disposición do equipo"

O Dépor completou esta mañá o último adestramento en Abegondo antes de desprazarse este sábado á primeira hora da mañá a Zaragoza.

Óscar Gilsanz dispuxo, após unha activación con rondos, unha tarefa de finalizacións e un ensaio de accións a balón parado.

Están con adestramento personalizado Mella, Ximo Navarro, Hugo Rama, Dani Barcia e Eddahchouri, con Jose Ángel ingresado no Hospital San Juan de Dios de Santurce após a súa intervención cirúrxica para resolver o seu cadro de pubalxia.

Óscar Gilsanz, en rolda de prensa, desvelou que ademais hai varios futbolistas con molestias, "e todos están con ganas e a disposición do equipo e do adestrador para querer viaxar. Iso fala do compromiso do equipo, dos futbolistas neste momento".

Preguntado por Eddahchouri, o técnico deportivista manifestou na sala de prensa que "despois do susto vimos que non tiña nada grave pero está dolorido, ten mazaduras que lle imposibilitaron adestrar. É difícil que poida viaxar porque sen ter nada grave ten mazaduras e dor".

Alberto, Mardones, Guerrero e Kevin Sánchez foron os representantes de #ANOSACANTEIRA. "Nada máis acabar o Fabril tiñamos claro que 2, 3, 4 futbolistas podían adestrar connosco para tratar de axudarnos", explicou o preparador do Dépor. "É moi posible que entren na convocatoria varios dos futbolistas que están a adestrar connosco porque nos van a achegar esa enerxía, esa ilusión para estes días. Poden ter as súas opcións", engadiu.

Mañá sábado 24 de maio Os Nosos adestraranse ás 18:30 na Cidade Deportiva do Real Zaragoza, no último ensaio antes do encontro deste domingo 25 de maio ás 18:30 na Romareda (LaLiga TV Hypermotion).