RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Un Dépor ABANCA "con confianza" despide esta temporada a Liga F en ABANCA-RIAZOR en busca dun triunfo que certifique a permanencia

ABANCA-RIAZOR despídese esta temporada da Liga F co partido mañá domingo 11 de maio ás 12:00 (Dazn) entre o Dépor ABANCA e o Sevilla FC correspondente á 29ª xornada (penúltima).

As Nosas, que a pasada fin de semana caeron no Estadi Johan Cruyff, chegan a esta cita con 26 puntos na 14ª posición.

Fran Alonso, en rolda de prensa, cre que o seu equipo está "nunha boa situación. Dependemos de nós mesmas. Gañando en ABANCA-RIAZOR, aínda que vai ser moi difícil, temos a oportunidade de dar unha alegría a #ANOSAFORZA e logo cumprir o obxectivo do ano, quedando un partido", o do Madrid CFF no Estadio Fernando Torres.

O técnico deportivista asegura que as súas xogadoras están "moi ilusionadas. Darémolo todo para tentar conseguir o obxectivo esta fin de semana".

Así mesmo, admite que pode haber nervios, "normal porque é unha situación que moitas non viviron antes. Hai unha confianza no grupo, no corpo técnico, no Club. O día de partido eses nervios vanse a transformar en traballo, ganas e esforzo para conseguir o obxectivo. Teño total confianza no grupo, que vai facer un bo partido".

Pola súa banda, o Sevilla FC, que a pasada fin de semana impúxose por 2-0 ao Levante UD, é 8º con 35 puntos. "É un moi bo rival, está na parte alta da táboa, no top 10; pero con todo o que nos xogamos, con toda a ilusión que lle puxemos todo o ano, podemos facer un bo partido".

Na primeira volta, disputada o pasado 24 de novembro (11ª xornada) no Estadio Jesús Navas venceron 2-1 as andaluzas. Oriana Altuve marcou o único tanto das Nosas.

Lonxe do seu campo esta temporada o Sevilla FC gañou á Valencia Féminas CF (1-3), SD Eibar (0-3) e Athletic Club (0-1); empatou co Levante UD (0-0), RCD Espanyol (0-0), Real Sociedad (0-0), FC Levante Badalona (0-0) e Real Betis Féminas (1-1); e caeu co UD Costa Adeje Tenerife Egatesa (4-1), Granada CF (3-0), Madrid CFF (2-1), Real Madrid CF (4-1), Atlético de Madrid (1-0) e FC Barcelona (5-1).  

O seu técnico, David Losada, advirte que quere "sumar de 3. Para nós é unha final o que temos o domingo. Así nolo imos a tomar".

Cre que "moitas veces non se valora o máis 3. Xogas con alguén que está abaixo e tes que gañar sen problema. É moi difícil gañar 2 partidos seguidos, 3 xa nin che conto pero adestramos para iso. A motivación que teñen as mozas é moi alta. Xa vimos o outro día que esa non presión por xogarche o descenso fíxolles estar moito máis soltas. E por esa liña imos".