RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Un Dépor ABANCA moi concentrado volve á liga mañá en Abegondo ante o Athletic Club B, un filial na parte baixa da táboa

O Dépor ABANCA regresa á competición despois do parón da pasada fin de semana mañá sábado 9 de decembro ás 12:00 en Abegondo (Youtube RC Deportivo) ante o Athletic Club B, en partido correspondente á 11ª xornada en Primera Federación Iberdrola.

As Nosas marchan en 2ª posición da táboa con 23 puntos, a 2 puntos do RCD Espanyol, líder con 25.

Irene Ferreras ten á súa disposición a todo o cadro fóra de Laurina. En rolda de prensa esta mesma mañá puxo en valor "a valentía que tivo para transmitir o que lle estaba pasando. Tentamos desde o Club e desde os Servizos Médicos facilitarlle o proceso que necesitase e polo no contexto que ela necesita a día de hoxe. E mandarlle un abrazo enorme de parte de todo o euipo, das súas compañeiras, do staff, do Club porque é lóxico que notemos a súa ausencia pero o máis importante aquí é a saúde. E a saúde mental está dentro desa saúde aínda que moitas veces non o teñamos en conta".

Pola súa banda, o Athletic Club B é pechacancelas da categoría con 6 puntos, igualado a puntos co penúltimo, o DUX Logroño.

A preparadora deportivista admitiu que "hai un pouco de respecto cando xogas cun equipo de abaixo pero neste caso noto ao equipo moi maduro. As experiencias do ano pasado téñennos que servir para isto. Véxoo moi concentrado".

No seu último partido, o filial caeu (0-1) no campo 8 de Lezama co SE AEM.

Fóra de casa esta temporada o Athletic Club B perdeu co Alhama CF (1-0), RCD Espanyol (3-0), CD Alba Fundación Femenino (2-1) e Cacereño Femenino (1-0); e gañou ao CE Europa (0-1).

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva de Abegondo para o encontro. 

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir aos partidos, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.

As socias e socios do RC Deportivo terán prioridade para a retirada da súa entrada gratuíta até esta noite ás 23:59 h. A partir dese momento, se houbese aforamento aínda dispoñible, habilitarase simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

Finalizado o encontro, As Nosas adestraranse de novo o domingo 10 de decembro ás 10:00 en Abegondo.