Un Dépor ABANCA sen lesións apunta, fortalecido polo grupo, ao RCD Espanyol
Un Dépor ABANCA sen lesionadas visita mañá domingo 4 de decembro ás 11:00 na Cidade Deportiva Dani Jarque ao RCD Espanyol, en partido correspondente á 11ª xornada en Primera Federación FutFem.
Despois do último adestramento previo ao partido ante as espanyolistas realizado esta mañá en Abegondo Irene Ferreras, adestradora branquiazul, ten á súa disposición a todo o cadro para encarar este choque ante o que considera "un rival directo". "Cando tes a todas as xogadoras á túa disposición e sentes que non tes dependencia dunha ou outra peza senón que tes moitas xogadoras dispoñibles que o poden facer moi ben, o equipo fortalécese", subliñou onte en rolda de prensa.
A preparadora deportivista, na súa comparecencia ante os medios, referiuse tamén a Letti Sevilla, que xa xogou a pasada fin de semana ante o UDG Tenerife B os seus primeiros minutos coa camiseta branquiazul e o domingo mídese ao que foi o seu equipo entre 2015 e 2021: "Está fenomenal. Animicamente está moi ben. Pasou unhas semanas complicadas e aos poucos a base de esforzo e da súa capacidade de sobrepoñerse ás dificultades está a alcanzar un gran nivel".
Aprecia Irene Ferreras que durante a semana de traballo "está a querer xogar, querendo gañarse ese posto. Tivemos a sorte de que xa o outro día puidese participar, quitarse eses nervios do principio porque aínda non puidera debutar. Para nós vai ser unha peza fundamental. É unha xogadora que lle vai a achegar moito pouso ao equipo, moita experiencia a pesar da súa mocidade e a forza que lle transmite ao grupo desde dentro".