RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un Dépor "en loita contra o tempo" ultima os preparativos para recibir ao CD Castellón

O Dépor, en plena "loita contra o tempo", segundo subliñou esta mesma mañá Rubén de la Barrera, ultima os preparativos para recibir en ABANCA-RIAZOR ao CD Castellón este domingo 4 de xuño ás 19:00 horas (TVG-2 e InSports.tv), na ida das semifinais do playoff de ascenso a Segunda División.

O técnico coruñés destaca que "contamos con moi pouquiño tempo para facer cousas pero tentamos aproveitar o día a día para tentar que o xogador dispoña da maior seguridade posible durante o partido, en todo o que fai; e tamén ao redor de todo o que pode ir ocorrendo e o que vaia esixindo o partido".

No entanto, Rubén de la Barrera é optimista e "seguramente a pesar do tan pouquiño tempo que levamos aquí posiblemente sexa unha experiencia que me está sorprendendo polo grao de asimilación das cousas que pretendemos. E iso fala ás claras do seu compromiso, do seu nivel, da súa capacidade. Dispoñemos de moi bos futbolistas cun reto e unha ambición e unha meta clara".

Así pois, sen tempo que perder, após unha habitual sesión de vídeo no propio vestiario e un suave quecemento con rondos xa no céspede, o corpo técnico dispuxo unha serie de tarefas tácticas, a primeira con todo o cadro; e a seguinte dividida en dous grupos.

Con Quiles á marxe do grupo, o internacional David Mella foi o representante de #ANOSACANTEIRA.

Mañá sábado 3 de xuño, Os Nosos están citados para almorzar ás 9:00 en Abegondo e saltar ao céspede a partir das 10:30.

Ao concluír, Rubén de la Barrera fará pública a lista de convocados posto que finalmente o equipo non se adestrará o domingo pola mañá, como estaba previsto inicialmente.