O Deportivo mídese ao Linares Deportivo mañá sábado 4 de xuño en ABANCA-RIAZOR (21:00 horas, GO&GO TV) na semifinal do playoff de ascenso a Segunda División.
Ao quedar o conxunto deportivista subcampión do grupo 1º, os andaluces acabaron en 5ª posición do grupo 2º, en caso de empate á conclusión do tempo regulamentario e da prórroga pasaría á final o Dépor. Non habería pois lanzamentos desde o punto de penalti para dirimir o gañador, que se enfrontaría na gran final ao vencedor do Albacete Balompié-CF Rayo Majadahonda de mañá en ABANCA-Balaídos.
A poucos días de enfrontarse na primeira volta ao Real Racing Club, Borja Jiménez xa alertaba de que o equipo cántabro, do mesmo xeito que o Dépor, estaba construído para ascender. E os racinguistas, despois dunha impecable segunda volta, foron inalcanzables.
En plena xeira de vitorias na primeira volta da liga, o técnico deportivista repetía unha e outra vez na sala de prensa que había que estar preparados para os malos momentos. E chegaron na segunda volta, felizmente superados.
Hoxe, Borja Jiménez, con dous playoff (e dous ascensos) ás súas costas con CD Mirandés e FC Cartagena, afirmaba que o Dépor chega a este playoff preparado e co traballo xa feito.
Esmerouse en que os días previos a esta semifinal o equipo seguise coa súa mesma rutina: sesión dominical post-partido tralo último choque ligueiro ante o Unionistas de Salamanca CF, xornada de descanso o luns e volta ao traballo o martes para completar até o encontro un total de catro adestramentos. "Unha semana moi tranquila, puidemos traballar moi ben todos os días. Contento por como se han comportando os rapaces, por como transcorreu a semana. Bastante normalidade, sendo conscientes do importante que é chegar a este momento con opcións, pero relativizando moito e sabendo que é só un partido de fútbol. Haberá vida despois. Ímolo a facer ben, os xogadores están moi convencidos, moi concienciados e sobre todo tendo moita confianza entre eles. Foi unha semana como ma esperaba, ou sexa que contento", subliñou Borja Jiménez na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR na comparecencia pública ante os medios de comunicación.
Os deportivistas sumaron 20 dos últimos 27 puntos en liga, con Quiles e Miku rompendo o 0-0 en 16 ocasións entre os dous, e con Juergen Elitim como o máximo asistente da categoría con 12 pases de gol.
Ademais, ABANCA-RIAZOR, sede da semifinal de mañá por decisión da RFEF, é unha garantía se o Dépor ponse por diante no marcador, con 20 vitorias e 1 empate.
Todo o cadro está citado mañá. Rafa de Vicente, que se incorporou onte en Abegondo ao traballo de grupo, recibiu a alta médica. Unicamente Víctor e Trilli pérdense o partido por lesión; mentres que Noel, Yeremay e Alberto serán a representación de #ANOSACANTEIRA.
Hoxe venres, o Dépor cambiou o paso e adestrouse en ABANCA-RIAZOR ás 20:30 horas, practicamente á hora do partido. Foi o último ensaio antes de recibir ao Linares Deportivo, posto que finalmente non haberá traballo para o cadro mañá sábado pola mañá.
Un quecemento, un partido a tres cuartas partes de campo e un ensaio de accións a balón parado foron as tarefas no céspede.
Namentres, A Coruña tínguese aos poucos de branquiazul en balcóns, xanelas, pasos elevados, varandas... O ambiente mañá sábado será o das grandes ocasións, con máis de 20.000 entradas xa vendidas na plataforma online da RFEF.
Pola súa banda, o Linares Deportivo chega arroupado por 500 afeccionados. Nas súas redes sociais conceden ao Dépor o papel de favorito e apóianse para iso na historia: 5 visitas en liga a ABANCA-RIAZOR e 5 derrotas. Tal e como lembra o Club andaluz, o seu último partido na Coruña data da temporada 1983-84, saldado con 1-0.
En Copa do Rei, ambos os equipos víronse as caras na temporada 1984-85, con pase para os deportivistas na quenda de penaltis.
O seu técnico, Alberto González, define esta semana como "máxica. Os xogadores gozando moito do conseguido ao mesmo tempo que se adestra o que toca: baixando un pouco as cargas, intensidade alta, con moi bo nivel de confianza, reducindo carga a nivel de conceptos, recalcando os aspectos que foron importantes durante toda a temporada e tratar de que a xente atope o xogo que fixemos nos últimos tempos".
O adestrador azulillo asegura que as sensacións "son inmellorables a día de hoxe porque os números así o indican. Pero tes diante o rival a bater. O máis forte dos 40 e que encima xoga ante a súa afección, vai ter o campo cheo, xogan como locais, vai ter o campo cheo... Eles teñen a obrigación e nós temos a posibilidade. A nivel mental é máis fácil de xestionar o noso que o deles".
Lonxe do seu estadio esta temporada, o Linares Deportivo gañou 6 partidos, empatou 5 e perdeu 8, cun balance de 28 goles a favor e 33 en contra.
Ademais, conta entre os seus logros este curso o eliminar da Copa a un 'Primeira' División, o Deportivo Alavés, o pasado mes de decembro: 2-1 foi o marcador no seu campo de Linarejos. O subcampión de Primeira División, o FC Barcelona, foi o seu posterior verdugo ao gañar pola mínima (1-2).
