Un gol de Óscar Pinchi no minuto 92 valeu ao Fabril un merecido empate (2-2) en Pasarón ante un peleón Pontevedra, que se sostivo coa brillante actuación de dous excanteiráns branquiazuis: o dianteiro coruñés David Añón, autor de dous goles; e o meta Edu, brillante durante toda a tarde, especialmente na segunda metade. O encontro pertence á xornada 12ª no grupo 1º de Segunda División B.
Adiantouse de penalti o Pontevedra, após unha cambadela de Francis a David Añón, que o propio dianteiro granate transformou no 1-0. Jardel, catro minutos despois, empataba o encontro após un bo centro de Romay.
O Pontevedra, esporeado polo seu público, volveu golpear ao fío do descanso, nun contragolpe que Añón no segundo pau materializou no 2-1.
Após o descanso, o dominio do xogo foi para o Fabril, que encerrou na súa área por momentos ao cadro pontevedrés e converteu ao seu gardameta Edu na figura do partido.
Os fabrilistas tentárono de todas as maneiras e desde as dúas bandas, ata que no tempo de desconto, concretamente no minuto 92, unha bonita xogada entre Lucas e Ismael Díaz acaba co balón aos pés de Óscar quen, ao bordo da área pequena, só ten que empuxar o balón ao fondo da portería.
Con este resultado, o Fabril suma 27 puntos e continúa no máis alto da táboa.
Fabril: Francis, Blas, Raúl González, Gaizka, Lucas, Carlos López, Óscar, Queijeiro, Jardel, Romay e Borja Galán. Tamén xogaron: Luis Fernández, Uxío e Ismael Díaz.
O vindeiro domingo 5 de novembro, o Fabril recibe en Abegondo á Gimnástica Segoviana, a partir das 12:00 horas.
Os resultados até a data do Fabril son os seguintes:
Fuenlabrada 1 - Fabril 2 (Uxío e Óscar)
Fabril 0 - San Sebastián de los Reyes 1
Racing de Ferrol 1 - Fabril 1 (Romay)
Fabril 3 (Borja Galán, Uxío e Óscar) - Real Madrid Castilla 0
Rayo Majadahonda 0 - Fabril 1 (Andújar en propia meta)
Fabril 3 (Diego Cabalo, Uxío e Romay) - Coruxo 1
Ponferradina 0 - Fabril 1 (Edu Expósito)
Fabril 1 (Borja Galán) - Valladolid B 0
Fabril 3 (Lucas, Óscar e Queijeiro) - Talavera 0
Navalcarnero 1 - Fabril 2 (Ismael e Jardel)
Fabril 0 - Guijuelo 0
Pontevedra 2 - Fabril 2 (Jardel e Óscar)




