RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Irene Ferreras cre que gañar a liga motívanos moito. O equipo está moi mentalizado

Irene Ferreras asegurou na sala de prensa de Abegondo que conseguir a posibilidade de conquistar o título "motívanos moito. O equipo está moi mentalizado, a pesar de que é verdade que foi unha semana atípica en canto á preparación do partido".

Subliña que o Dépor ABANCA "ten ferramentas e recursos suficientes para entender rápido o que queremos no partido e tamén sen esa presión do ascenso, que xa está na nosa man, o equipo vai xogar ben e vino nestas sesións de adestramento. Hai un ritmo incrible a pesar de vir do que vimos".

Do CD Alba Fundación Femenino, rival mañá sábado 27 de abril ás 19:30 na Cidade Deportiva Andrés Iniesta, a adestradora branquiazul sostén que "é un bo rival, que deu diferentes versións durante a temporada, pero entendemos que diante do Dépor ABANCA vai dar a mellor; tamén cun adestrador que adoita modificar matices tácticos en función do rival".

Pide ao seu equipo "interpretar ben, seguir dándolle continuidade ao que fixemos esta temporada, tratar de terminar gañando independentemente do que pase no outro partido (o do FC Barcelona B en Lezama ante o Athletic Club B). Temos que facer a nosa parte do traballo. Se serve para gañar a liga, xenial. E se serve para simplemente terminar cos mesmos puntos que o Barça B, tamén será algo meritorio".

Precisamente lembra a preparadora deportivista que "fomos o equipo máis regular en canto a resultados, o equipo que menos perdeu esta temporada. Gañar a liga sería terminar cun broche de ouro que este equipo se merece. Por iso mentres exista a mínima posibilidade nós imos tentar facer o noso traballo, facer un partido moi serio. Imos saír a gañar. Imos sacar un equipo para saír a gañar e xa veremos o que pasa".

Finalmente, preguntada polo seu futuro, Irene Ferreras afirmou que "a miña idea é sempre estar aquí. É un lugar excepcional para seguir crecendo e achegando o meu gran de area para que o equipo e o club creza. A nivel contractual teño 1 ano máis por conseguir o obxectivo. Nese sentido gañeimo. A partir de aí estes días tamén falaremos de todo o que engloba máis aló do contrato e ver en que dirección imos a temporada que vén".