RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor afianza o liderado ante unha afección de récord (2-0)

O Deportivo derrotou á Cultural y Deportiva Leonesa en ABANCA-RIAZOR ante unha entregada afección, que bateu de novo a marca de asistencia a un partido da categoría con máis de 29.000 persoas, resultado co que afianza o seu liderado cando só restan cinco xornadas para a conclusión do campionato.

Imanol Idiakez, técnico deportivista, presentou dúas novidades con respecto ao once inicial da pasada xornada en Teruel. Jaime ocupou o lateral dereito en detrimento de Ximo Navarro e Lucas volveu ao equipo ocupando o posto do sancionado Yeremay.

Comezou o partido cunha Cultural sólida e atrevida, que gozou da primeira ocasión clara do partido en botas de Martín Solar. O mediapunta visitante disparou desviado un pase raso ao punto de penalti de Fabio, que chegara á liña de fondo no extremo esquerdo.

Non tardou en facerse co mando do partido o Dépor, ao que con todo custoulle xerar oportunidades de gol. Aínda así, no minuto 21 os branquiazuis adiantáronse no marcador grazas a un sensacional disparo de Lucas desde 30 metros. Amigo nada puido facer ante o canonazo do '7' deportivista, que regresaba ao equipo após un mes de ausencia para facer o seu décimo tanto no que vai de Liga e igualar a Barbero como máximo anotador do Dépor.

A partir do 1-0, o Deportivo exerceu aínda un maior control do partido, aínda que non acariñou o segundo tanto até os minutos finais da primeira metade. No minuto 43, Mella soltou un duro zurdazo afastado que se lle escapou das mans a Amigo, que controlou o coiro en dous tempos antes de que chegase Barbero, moi atento ao posible rexeite. A piques de cumprirse o tempo regulamentario, Lucas roubou un balón en mediocampo e lanzou un veloz contrataque no que conectou con Barbero. O '9' disparou con forza desde a media lúa pero o porteiro visitante desviou o coiro.

Na segunda metade mantívose a tónica, aínda que o caudal ofensivo branquiazul aumentou. No minuto 49, Lucas conduciu un veloz contragolpe pola esquerda, lanzado por Diego Villares. O capitán deportivista púxoa forte e rasa ao segundo pau onde Mella, sen porteiro, chegou un pouco forzado e coa dereita rematou fóra. No minuto 52, Lucas conectou en profundidade para o desmarque de Davo, que no man a man estrelou o seu dereitazo contra o corpo de Amigo.

Tamén coa dereita tentouno Diego Villares, no minuto 66, cando probou fortuna desde fóra da área. O seu lanzamento foise rozando o traveseiro. Davo tivo unha boa ocasión no minuto 75 despois dunha gran acción individual, pero retardou a súa internada na área e un defensa desviou o coiro coa punta da súa bota dereita. A pelota foise a córner após estrelarse contra o lateral exterior da rede.

A sentenza non chegou até o minuto 86. Jose Ángel controlou un balón solto na área do Dépor após un córner a favor da Cultural, arrancou con velocidade e lanzou o esférico cara á dereita, onde Cayarga correu e aguantou a arremetida de dous defensas, antes de virarse e poñela no corazón da área para a chegada de Davo. O '11' deportivista rematou ao primeiro toque cruzando o coiro por alto, lonxe do alcance de Amigo para asinar a súa sétima diana do curso

O Deportivo só perdeu un dos últimos 22 encontros e suma 12 vitorias (as 5 últimas de maneira consecutiva) e 2 empates nos últimos 14 partidos. Ou o que é o mesmo, 38 dos últimos 42 puntos en xogo. Con 67 puntos, lidera o grupo 1 de Primera Federación, por diante do Barcelona Atlètic (58), Gimnàstic de Tarragona e RC Celta Fortuna (57) e SD Ponferradina (56), que xogan os seus partidos da 33ª xornada mañá domingo.

RC Deportivo: Germán, Jaime, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Balenziaga, Diego Villares, Jose Ángel, Mella (Cayarga, min. 76), Lucas (Rubén López, min. 87), Hugo Rama (Davo, min. 17) e Barbero (Raúl Alcaina, min. 76).

Cultural y Deportiva Leonesa: Amigo, Víctor García (Muguruza, min. 63), Rodri Suárez, Aleix Coch, Álvaro Martínez, Bicho (Kevin Presa, min. 73), Diego Barri, Calderón (Rodrigo Escudero, min. 73), Martín Solar (Aarón Rey, min. 59), Fabio e Dorian Junior (Guillermo, min. 59).

Goles: 1-0 Lucas (min. 21); 2-0 Davo (min. 86).

Árbitro: Víctor Pérez Peraza (c. tinerfeño). Cartón amarelo a Bicho (min. 8), Jaime (min. 69), Aarón Rey (min. 77) e Kevin Presa (min. 79).

Incidencias: partido correspondente á 33ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 29.079 espectadores, nova marca histórico nun partido da categoría.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK (PARTIDO)

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK (AFECCIÓN)