RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril salva un importante punto ante o CD Guijuelo no tempo engadido (2-2)

O Fabril salvou un importante punto na súa loita pola permanencia en Segunda Federación grazas a un tanto de Óscar Marotías no tempo de prolongación dun encontro ante o CD Guijuelo en Abegondo no que estivo por baixo no marcador en dúas ocasións.

O Fabril foi dominador da primeira metade pero foise aos vestiarios perdendo. O equipo de Óscar Gilsanz xerou numerosas ocasións de gol pero foi incapaz de ver porta. No minuto 7, un contragolpe conducido por Nájera provocou un tres contra un. O rioxano xogou á esquerda para Kevin Sánchez, que volveu ceder para o centro cara a Diego Gómez. O ourensán, caendo ao chan, cedeu para Nájera, cuxo disparo, sen porteiro, sacou un defensa baixo paus.

Nájera volveu ser protagonista no minuto 19, cando se inventou un dereitazo afastado que se foi rozando o pau dereito da meta visitante.

Con todo, xusto cando se cumpría a media hora de xogo, o CD Guijuelo adiantouse no marcador na súa primeira acción de perigo. Pana internouse polo extremo esquerdo, freouse ao entrar na área e soltou un dereitazo ao primeiro pau por alto que sorprendeu a Brais Suárez.

Os branquiazuis dispuxeron doutras dúas claras opcións antes do descanso. No minuto 36, Nájera bateu por pouco por riba do traveseiro un centro de Kevin. Dous minutos máis tarde, foi o dianteiro burgalés o que, coa zurda, estrelou no esférico no lateral da rede da portería visitante após recibir un balón en profundidade de Diego Gómez.

Rubén López entrou ao campo tralo descanso en lugar de Baladía e aos cinco minutos empatou o Fabril. Lache dobrou por dentro a Alfaro, que lle deixou un balón perfecto entre liñas. O lateral dereito sacou un potente dereitazo desde a frontal da área ante o que Rabanillo nada puido facer.

O conxunto visitante puido adiantarse de novo no minuto 57, cando Xabi Domínguez rematou á media volta na área rozando o poste dereito da portería branquiazul. Si volveu poñerse en vantaxe o CD Guijuelo no minuto 75, cando Toti cabeceou só na área pequena, incluso agachándose, un córner lanzado desde a dereita do ataque salmantino.

Puido pechar o partido o CD Guijuelo no minuto 79, pero Marotías sacou sobre a mesma liña de gol un remate de Willy Ibáñez. A partir de aí, o Fabril envorcouse en pos do empate.

No minuto 82 chegou un dereitazo raso de Alfaro que detivo Rabanillo. Só un minuto despois, Jorge Losa quedou man a man co gardameta, que rexeitou o seu disparo. No 84, o xuvenil Guerrero tamén rematou de socato no man a man con Rabanillo, que de novo desbaratou a ocasión. A pelota volveu a pés do canteirán que centrou para Kevin Sánchez, cuxo cabezada se foi rozando o traveseiro.

O CD Guijuelo tivo outra ocasión para abrir brecha no minuto 86, pero o remate de Juan Antonio desde o punto de penalti despexouno Lache baixo paus.

Disparou moito o Fabril sen éxito e atopou o empate nun centro á área. Ía entrar o partido no segundo minuto de tempo engadido cando Marotías centrou coa esquerda desde a dereita do ataque. O balón foise pechando cara á portería sen que ninguén o rematase nin o despexase e introduciuse na portería salmantina após golpear no interior do poste.

Con este empate, o filial deportivista suma 37 puntos, 3 por riba dos postos de descenso e de promoción de permanencia cando restan 3 xornadas para a conclusión do campionato.

Fabril: Brais Suárez, Lache, Pereira (Mardones, min. 77), Marotías, Baladía (Rubén López, min. 46), Alfaro, Brais Val (Barba, min. 88), Kevin Sánchez, Nájera (Jorge, min. 77), Diego Gómez e Mati Castillo (Guerrero, min. 66).

CD Guijuelo: Rabanillo, Montes, Iago Parga, Pica, Cedenilla (Coque, min. 77), Willy Ibáñez, Diego González (Toti, min. 67), Xabi Domínguez (Garban, min. 67), Juan Antonio, Alberto Bernardo e Pana (Boigues, min. 90).

Goles: 0-1 Pana (min. 30); 1-1 Lache (min. 50); 1-2 Toti (min. 75); 2-2 Marotías (min. 90+1).

Árbitro: Gamaliel Escobar López (c. As Palmas). Cartón amarelo a Brais Val (min. 25), Willy Ibáñez (min. 41) e Baladía (min. 45).

Incidencias: partido correspondente á 31ª xornada do grupo 1 de Segunda Federación disputado na Cidade Deportiva de Abegondo.

📸GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK