RCD / NOVAS

200 nenos gozan esta semana dos DéporCampus Cabreiroá 2017 en Abegondo, Rianxo e As Pontes

17/07/2017 10:49

Esta semana, do 17 ao 21 de xullo, a actividade dos DéporCampus Cabreiróa 2017 reúne a 200 nenos e nenas distribuídos en Abegondo (150), Rianxo (40) e As Pontes (60).

Con 3 quendas aínda abertos á inscrición (quinto de Abegondo, Monforte e Ordes), xa se superaron os 1.500 inscritos. Este ano, a sede central na Cidade Deportiva do RC Deportivo pasa de 3 a 5 semanas de actividade (a última de xuño e todo xullo). Os DéporCampus Cabreiroá estrean ademais este ano 4 sedes: As Pontes, Santiago, Ordes e Zas, que se suman ás xa existentes en Abegondo, Viveiro, Rianxo, Bertamiráns, Ferrol, Monforte e Xenebra (Suíza).

O RC Deportivo organiza esta actividade dirixida polos técnicos do Club co obxectivo de transmitir habilidades e conceptos futbolísticos, ademais dos valores que representa o Dépor: respecto, solidariedade, amizade, xogo limpo, integración, esforzo e felicidade.

Máis aló das actividades, o equipamento deportivo (composto de camiseta, pantalón e medias), a froita e o zume diarios, o diploma final, a visita dun dos xogadores do primeiro persoal deportivista (sempre dentro das posibilidades do calendario do equipo) e un sorteo final de agasallos, son outros dos atractivos dos DéporCampus Cabreiroá, que teñen un horario de mañá de 10:00 a 14:00 horas.

En todos os casos, os accionistas e socios do RC Deportivo gozan dun desconto, igual que as familias con máis dun membro en paro ou as que inscriban máis dun fillo, ademais das que cada Club coorganizador determine en cada caso.

Desde esta edición 2017, toda a xestión dos DéporCampus Cabreiroá realízase a través da nova páxina da actividade: deporcampus.rcdeportivo.es. Nela pódese atopar toda a información común a todos os DéporCampus Cabreiroá e específica de cada unha das sedes.