RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Intensidade desde o primeiro minuto", pide Carles Gil para San Mamés

Carles Gil manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o equipo ten moitas ganas de que chegue o partido deste sábado 11 de febreiro en San Mamés ante o Athletic Club (18:30, Bein Sports), tras o aprazamento do encontro do pasado venres en Riazor ante o Betis: "Nós adestramos para competir o fin de semana. Polo que adestramos e o que realmente nos motiva é xogar o fin de semana. Desgraciadamente esta semana pasou o que pasou. Serviunos para meter máis carga de traballo nos adestramentos e chegar ao sábado en moi boas condicións".

O atacante deportivista recoñeceu que "é a nosa conta pendente esta temporada, gañar ese primeiro partido fóra de casa. Estivemos moitos partidos preto pero ata o final non o conseguimos. Que mellor escenario que un campo como San Mamés".

Do rival, o Athletic Club, Carles Gil advirte que "no seu campo ten un plus de motivación, polo alento da xente. É un equipo moi físico, moi ofensivo. Gústalle moito ir cara arriba, coa liña moi adiantada. É un partido moi complicado, pero estou seguro que imos ter as nosas opcións".

Pide saltar ao céspede de San Mamés con "intensidade desde o primeiro minuto, porque nos demos conta que se noutros campos mátanos, en San Mamés aínda máis".

Na súa opinión, o Deportivo leva con balón "uns partidos, diría que meses, cunha cara diferente. A raíz do Málaga, o equipo mostrou outra cara. Con balón temos que seguir facendo esas cousas. E onde temos que mellorar é defensivamente. Igual ser máis intensos. Eses pequenos duelos que parecen bobadas pero que son o que determina os partidos. Aí temos que concienciarnos que o noso duelo particular témolo que gañar".

Unha vez finalizado o mercado de inverno, Carles Gil ve no plantel "máis competencia. É moi positivo. Os xogadores que xoguen seguro que están ben, porque se non van xogar outros. É positivo para o equipo e para un mesmo".

A pesar de levar varias semanas sen gañar, o centrocampista branquiazul móstrase tranquilo: "Eu guíome polas sensacións, que non son acorde aos resultados. Houbo algún que outro partido que con ese puntiño de sorte os tres puntos houbesen vindo para aquí. Levamos un tempo sen gañar. Máis que negatividad e nerviosismo, fainos ter máis ganas de que cheguen os partidos, de conseguir unha vitoria, que é o máis bonito que hai".